O prazo para participar nos premios Johán Carballeira de poesía e xornalismo que convoca anualmente o Concello de Bueu rematou esta semana e acada un novo récord de participación. O certame de poesía, que en 2017 xa superara os máis de 60 participantes, volve a superar o seu teito posto que nesta ocasión presentáronse un total de 73 poemarios. No tocante ao galardón xornalístico serán trece os traballos que optarán ao premio.

Ao longo das vindeiras semanas a Concellería de Cultura de Bueu reunirá aos xurados encargados de valorar os traballos e o nome das persoas gañadoras dará a coñecerse nas datas previas ás Letras Galegas. O premio consistirá na entrega de 1.500 euros e, no caso do certame poético, inclúese ademais a publicación do poemario a cargo de Edicións Xerais, algo que fai moi atractiva a convocatoria para os autores.

Este certame é unha homenaxe ao político, xornalista e poeta José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johán Carballeira. A edición de poesía cumpre xa 21 anos e ao longo deste tempo foron premiados Xosé Carlos Caneiro, Yolanda Castaño, Xurxo Alonso, Mario Regueira, Berta Dávila ou María Reimóndez o pasado ano. No tocante ao galardón de xornalismo van xa 15 edicións e entre os seus gañadores destacan, entre otros, Francisco Seoane, Moncho Paz, Cristian López, Antón Lopo ou Arturo Sánchez Cidrás. O ano pasado o xurado recoñeceu ex aequo as xornalistas María Obelleiro e Montse Dopico.

A entrega dos galardóns sera ao longo de mes de maio, coincidindo cos actos municipais para conmemorar a festividade das Letras Galegas.