Na presidencia rotatoria da Mancomunidade de Concellos do Morrazo, ao alcalde de Cangas tócalle estrear o ano collendo o testigo que lle cede o rexedor de Bueu, Félix Juncal. Pazos levará as rendas do ente comarcal ata o final do seu mandato, a mediados de 2019.

-En que se avanzou nos últimos anos na Mancomunidade e que retos ten por diante?

-Cos novos gobernos no Morrazo, agora hai unha aposta decidida pola Mancomunidade. Con Félix Juncal avanzamos nos dous últimos anos nesa consolidación e solucionáronse cousas como os pagos a Sogama. Cada concello asume o seu, tanto da débeda como os pagos mensuais, e ainda que a situación económica non é boiante, polo menos permite un respiro na vía xudicial. Pero temos novos retos e importantes proxectos que poñer en marcha, polo que vou ter que facer un esforzo adicional ao que xa conleva a Alcaldía de Cangas. Hai que darlle continuidade á idea de que a Mancomunidade ten que ser algo máis que a xestión do lixo e desenvolver outras actuacións que podemos afrontar en conxunto.

-Por exemplo?

-Servizos como o desbroce de viais e outros espazos públicos, a xestión do canil que asume a Protectora de Animais nas instalacións de Broullón, en Moaña, ou a promoción turística e cultural dos municipios da comarca son asuntos que se poden ir implementando pouco a pouco para xuntar forzas e rendibilizar recursos.

-Xa se ten posto sobre a mesa noutras ocasións a posibilidade de mancomunar servizos, pero a realidade a penas varía. Tal vez o problema é que cambian os políticos e cada grupo ten unha idea diferente sobre ela...

-En parte é certo. Por exemplo, o PP nunca creu na Mancomunidade do Morrazo, limitáronse a manter a xestión do lixo. Nós si cremos e queremos profundizar nesa consolidación para abaratar custes e mellorar a eficiencia mancomunando servizos, ainda que de xeito escalonado. Tamén queremos seguir profundizando na comunicación e interrelación entre alcaldías, facela máis fluída.

-Mostra de Teatro Cómico e Festivo, Intercéltico do Morrazo, Festival de Curtametraxes de Bueu... Hai marxe para que estes acontecementos sexan comarcais?

-Cada concello ten as súas peculiaridades e tampouco é cuestión de que a Mancomunidade se faga cargo de todos. O que si pode e debe haber é máis colaboración e coordinación entre eles para abrilos á participación do público de toda a comarca, que todos nos sintamos máis identificados con eles. Aí si se pode avanzar.

-É partidario de vender a marca O Morrazo como destino turístico, no seu conxunto ou que cada concello tire para si?

-Tirar cada un para si á hora de promocionarse fóra non é moi viable, precisamos recursos para competir nese mercado. De feito, xa existen fórmulas, como o padroado de turismo Rías Baixas, da Deputación, para "vender" en conxunto as cualidades dos municipios. Nese mundo non ten moito sentido ir por libre e hai que xuntar forzas.

-En calquera caso, o asunto principal do seu mandato seguirá sendo a xestión do lixo. Que marxe de mellora hai?

-Si, o reto fundamental é que a principios deste 2018 remata o contrato de concesión do servizo do lixo. A xestión de Recolte chega ao seu fin, ainda que hai unha prórroga automática de un ano que nos deixa certo marxe de maniobra, que temos que aproveitar para elaborar uns novos pregos de cláusulas e licitar o servizo. Hai que aproveitar ese trámite para mellorar as condicións esixidas.

-Hai problemas con Recolte?

-Non significa que sexa malo nin que se incumpra o contrato, pero sempre se poden mellorar aspectos como a recollida ou a limpeza. E iso hai que establecelo nas condicións do concurso.

-É un marrón presidir a Mancomunidade?

-É un traballo ímprobo que hai que sumar ao que xa conleva a xestión dos concellos que a constituímos. Pero é unha satisfación asumir o cargo, porque creo na Mancomunidade e peleo por ela.