Cada ano a Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo (Fecimo) escolle unha temática para que os máis novos participen nunha xincana que lles permita percorrer e coñecer o comercio de proximidade das súas vilas. Este ano o tema elexido non podía ser máis acaído para o gremio de comerciantes: os oficios. Os nenos e nenas participantes tiñan que respostar correctamente ás preguntas que atoparon nos establecementos participantes e o prazo, despois de catorce días xa se esgotou.

A actividade está dirixida a un público entre 4 e 14 anos e nesta ocasión participaron máis de 90 comercios de toda a comarca: 22 en Bueu, 33 en Moaña e 37 en Cangas. os nenos tiñan que depositar as súas respostas, unha vez cubertas, nalgunha das furnas dos establecementos participantes.

A partir do martes comezan as festas de animación na que se sorteraán os regalos: unha tablet como primeiro premio e unha gran cesta de nadal infantil como segundo. Os que aínda non depositaran os seus boletos cubertos aínda poderán facelo na correspondente festa da súa vila. O martes 2 de xaneiro será na Alameda Vella de Cangas, o mércores tócalle o turno a Bueuna Praza do Concello e, finalmente, o xoves péchase en Moaña no palco da música. En todos os casos será a partir das 17.00 horas e haberá unha gran oferta de animación para os cativos: vestimenta e mariñeiros; obradoiros de globoflexia, coroas de Reis, maquillaxe e pinta-nadal; zona de xogos e un gran espectáculo con música e baile. Como ademais estas festas celebránse uns días antes da chegada dos Reis Magos tamén haberá un buzón para que os que aínda non o fixeran podan escribir a súa lista de desexos. Para combatir o frío haberá chocolatada para todos os asistentes.

Fecimo prevé unha gran acollida para estas festas na rúa e indica que non será necesario que os gañadores estén presentes nestes sorteos posto que tentarase contactar con eles por teléfono. En todo caso, nos sorteos que se celebren durante cada unha das festas de animación haberá agasallos e sorpresas para os nenos e nenas que estén presentes.

A organización tamén sinala que en caso de que sexa necesario cambiar ou suspender algunha das festas por causas meteorolóxicas o aviso realizarase a través da súa páxina de Facebook Vive O Morrazo.