A ría de Pontevedra estaba máis desgornecida pois só a cidade, porto estratéxico comercial, como Baiona e A Coruña, contaba con defensas muradas e torres. As revoltas Irmandiñas do século XV botarían abaixo a maioría destes redutos, acobillo dos abusos nobiliarios, e ainda que algúns deles foron reconstruídos posteriormente polos nobres, non foi o caso dos existentes na ria de Vigo, agás a intocable Baiona que apesar de ser tomada varias veces, seguía consolidando a sua estrutura militar.

O descubrimento de América, a inestabilidade no Mediterráneo e a consolidación dos grandes reinos europeos vai propiciar un incremento comercial no Atlántico (Flandes, Inglaterra, Normandía...) que tamén traería enfrentamentos militares esplícitos pero sobretodo a práctica do corso polos franceses. En 1552 xa se lle informa a Corte da dificultade de defensa das costas galegas pues no son sólo cuatro puertos o surgideros de navíos sinó cuarenta y dos de importancia y ninguno se puede sustentar y defender excepto La Coruña... Para paliar esta debilidade ante os ataques por mar, refórzanse en 1562 as defensas de Monterreal (Baiona) e vanse construir en Vigo duas defensas a rentes do mar cun par de canóns cadansua. As obras, financiadas coa aportación de 5.000 ducados do erario local durarían dous anos, ata 1564, e foron dirixidas polo capitán de trincheira (enxeñeiro) Juan de Zurita. Grazas a isto, evitaríase a incursión de Drake na ria de Vigo no ano 1585 cuxa revancha se faría efectiva catro anos despois, apesar das baterías. Este feito e as constantes visitas de corsarios ingleses e holandeses e algúns turcos, levarían a propoñer a construción en 1595 de dous fortes, un en Samil e outro no cabo Balea (sic), obras que nunca se levarían a cabo, alegando o escaso alcance das pezas. Xa no 1604 sería o enxeñeiro Spanodi quen proporía pechar o paso entre as Cíes e terra firme construíndo dous fortes nestas illas e outro nas Estelas sen ter unha resposta afirmativa á sua demanda. En 1629, as autoridades militares de Galicia quedarían en evidencia pola facilidade coa que os berberiscos asolaran Cangas e pola impunidade coa que os inimigos ingleses e holandeses axexaban e se abastecían nas Cies. Por iso, no 1629 proponse outra vez a construción dun forte nas illas para o que se dispoñen 40.000 ducados procedentes de todas as provincias galegas e parte da gornición de Ferrol para a defensa.

Os séculos XV e XVI foron moi duros para a poboación, abondando as malas colleitas, as pestes e as epidemias, motivadas a maioría delas por males endémicos chegados polo mar, ademáis da falta de salubridade, a mala alimentación e a fame en xeral. A isto habería que engadirlle a xa longa crise económica e os intermitentes periodos de guerra que obrigaban aos veciños a facer turnos de garda na vixilancia da costa, a enrolarse nas milicias e a cubrir as contínuas levas para completar as matrículas do mar. A milicia de garda e vixilancia facíase mediante a chamada polo Sarxento ou Cabo Maiores do Morrazo para que acudisen ao servizo coas armas de que dispuxesen (chuzos e picas a maioría) incluso os fidalgos e persoas podentes que como moito aportaban unha espada. Estes mandos encargábanse tamén de recrutar aos veciños (labregos e mariñeiros) necesarios para que fixesen as gardas nas vixías e garitas (1589) controlando o paso, fondeo ou arribada de barcos sospeitosos de seren inimigos. Desde 1630, estas vixías (velas, atalaias, fachos, facheiras, goritas) e alarmas, ainda moi presentes na toponimia actual, estarían centradas no Facho de Donón, vixía principal de Punxeiro na Costa da Vela ou Soavela (de velar=vixiar) atendida en turnos de garda polos veciños do Hio que por veces reclamaban que se compartise coas outras parroquias.

O "forte" de Cangas

Un dos primeiros feitos que advirten da indefensión de Cangas daríase no 1607 cando unha armada de 24 navíos holandeses comandada polo "Tijger", esixen da poboación a entrega dunha gran cantidade de refrescos (vituallas) so ameaza de queimar a poboación. A presenza na vila de Pedro de Montenegro y Sotomayor, encargado da defensa da ria, e unha contundente, ainda que falsa resposta ("aqui lo que tenemos son balas, pólvora, municiones y 4.000 infantes..." -contestáralles o militar) fixeron desistir aos holandeses do seu propósito. Menos fortuna tería Cangas no 1617 cando, ante a impotencia de poder tomar Vigo e outras poboacións do outro lado da ria, os piratas turcos arrasan a vila e a sua contorna. Este feito deixaría en evidencia a desidia existente nesta materia con respecto á protección das costas galegas e non sería ata a visita a Cangas (19-1-1618) do marqués de Cerralbo, capitán xeral de Galicia, cando se tomase en serio, pero paseniñamente, a construción dun fortín-batería no Campo do Señal para protexer o porto da Meca (areal do rio do Señal). De ser atinada a data do seu comezo cara o 1622, a obra debeu ir moi devagar pois o cosmógrafo portugués Pedro Teixeira que pasa por Cangas en 1634, certifica no seu informe: Villa de Cangas: "Abierta, sin de¬fença..." Segundo informes posteriores ditados por enxeñeiros militares, esta defensa era de poca consideración, y con la ocasión, que cada día se espera, este verano se hicieron en aquella villa (Cangas) ducientas brazas de trinchera, y en medio un reducto en frente del fuerte a la lengua del agua con artillería para impedir la entrada, y desembarcación del enemigo. Este lugar está muy peligroso por ser puerto avierto, sin muralla, ni otras defensas más de la dicha.

Ata 1658 non se comezaría a erguer a muralla de Vigo co forte de San Sebastian e logo construiríase a fortificación do Castro ata agora usado só como atalaia de vixilancia. No ano 1687 e ante unha ameaza de navíos franceses, o forte de Cangas reforzaríase con algúns canóns e máis tarde iría arruinándose ata a subhasta do seu recinto e pedra por Facenda que foron adqueridos por dous particulares no ano 1806. Dez anos antes disto (1677) ante a continua presenza de piratas berberiscos o daquela, capitán xeral de Galicia, marqués de Falces (en realidade don Diego Antonio Félix de Croy Peralta y Velasco) ordenaría que "aumenten los cuerpos de guardia y atalayas en puntual y vigilante disciplina militar" en previsión de ataques agarenos ás nosas costas. Ao que parece, esta rede de alarmas costeiras tería unha certa efectividade pois habitualmente eran os propios mariñeiros os que armados, saían a combater aos piratas que se refuxiaban nas Cies ou en Ons.

(*) Mestre e historiador local