Os espazos que marcan a vida e a obra de Bernardino Graña, desde a súa casa natal na rúa Alfredo Saralegui, no Casco Vello, ata a Casa da Cultura de Cultura de Rodeira, pasando pola academia donde exerceu o seu pai ou a mirada cara ao mar na Congorza, forman parte do "roteiro literario" que se celebra mañá en Cangas por iniciativa da Deputación e do Concello. É precisamente un concelleiro, Héitor Mera, experto na figura de Graña -protagonista da súa tese de doutoramento- o que levará a batuta neste percorrido "que abrangue todo o espazo vital do autor na vila", que o nomeará proximamente Fillo Predilecto e que está ultimando outras actividades para poñer en valor un legado que sigue medrando, entre outras coa publicación do seu libro "O neno mariñeiro", editado por Xerais.

O roteiro partirá ás 11.30 horas desde a vivenda de Alfredo Saralegui na que o Concello baralla colocar unha placa identificativa para promover o coñecemento da vida e a obra de Bernardino Graña e insistir no seu recoñecemento público. Nos últimos días, o roteiro xa esgotou o número de prazas dispoñibles, 50 persoas, "o que deixa claro o interese que suscita o poeta do mar", como destacaron onte, na presentación, o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, e o propio Héitor Mera, edil de Cultura e Normalización Lingüística de Cangas e que exercerá mañá de guía. "Bernardino merece todas as homenaxes e esta é unha iniciativa fantástica que cumpre promover", engadiu Mercedes Giráldez, alcaldesa en funcións.

O "Roteiro do patrimonio da cultura mariñeira na literatura de Bernardino Graña" será o terceiro destas características cos que a área provincial de Cultura e Lingua, en colaboración coa Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), dá a coñecer o patrimonio inmaterial da provincia a través dunha perspectiva literaria e cultural, segundo sinalan os representantes da Deputación. Unha iniciativa que está a ser exitosa e que os seus promotores non descartan darlle continuidade con próximas edicións, contribuíndo a "potenciar a riqueza dos concellos e comarcas a través das letras". No que vai de mes xa se celebraron outros en Redondela -"Roteiro da memoria na Illa de San Simón. De Mendiño ao lapis do carpinteiro"- e Tui -"Monte Aloia. Roteiro Aloia máxico, mítico e lendario". O vindeiro sábado será en Cambados o "Roteiro do centenario Da terra asoballada", e o programa rematará o 7 de outubro en A Estrada co "Roteiro Avelina Valladares, unha muller do tempo dos Precursores".