O carpinteiro José de la Torre e o tenente de alcalde José Piñeiro "Fariña" foron os primeiros veciños de Bueu paseados no ano 1936, tras o comezo da Guerra Civil. Foi a finais do mes de setembro daquel ano e aproveitando esa data a asociación Amigos de Johán Carballeira organiza hoxe en Bueu a presentación do libro "Os nomes do terror. Galiza 1936: os verdugos que nunca existiron". O volume é obra de Xosé Álvarez Castro, Xoán Carlos Garrido e conta cun extenso estudo da profesora Judith Carbajo Vázquez. A presentación de hoxe será ás 20.30 horas na sala Amalia Domínguez Búa.

Unha das persoas que participará na presentación é o exalcalde de Bueu Xosé Novas Piñeiro, membro á súa vez da Asociación Amigos de Johán Carballeira. "Ata agora contabamos con estudos sobre as vítimas da represión pero a realidade dos represores permanecía agochada, con esta presentación queremos sacar á luz a outra parte da verdade que ficaba por coñecer. Non hai vítimas sen verdugos. A carón dun Ricardo Gómez Buceta "Ricardito" paseado; dun Francisco Escáneo executado nas inmediacións do cemiterio de Marín; ou dun alcalde como Johán Carballeira executado despois dun Consello de Guerra, atópanse aquelas persoas responsables da súa execución, como os paramilitares ou as forzas da orde pública", sostén Novas.

O traballo da profesora Carbajo Vázquez achega testemuñas sobre como se artellou a represión en Bueu e no conxunto do Morrazo. Nese estudo a investigadora sinala o papel da Igrexa posto que algúns dos cregos actuaron como delatores. Así, recóllense informacións que apuntan que o cura de Bueu era coñecido baixo o alcume de "o P." polas delacións de xente de Beluso. Algo semellante acontecía en Cangas, onde o crego delatara "aos que fixeran a Casa do Pobo". A profesora Judith Carbajo Vázquez suliña no libro "o grande poder e visibilidade que tiñan os falanxistas en Bueu e Cangas que pertencían ás familias máis destacadas e os similares procedementos represivos e suxeitos colaboradores empregados, así como as relacións entre elas para desenvolver algúns actos".

O libro que se presenta hoxe en Bueu tamén sinala a conivencia da Garda Civil, milicias falanxistas e algúns dos sectores máis acomodados da sociedade do Morrazo da época, sobre todo en Bueu e Cangas. Así, apúntase a "coñecidas familias do sector conserveiro e de armadores, moi visibles tanto polos actos como polos medios postos ao servizo da represión, contaban tamén con colaboradores voluntarios". Esas informacións orais ás que se alude en "Os nomes do terror" aseguran que os represeres "vestíanse de falanxistas e reuníanse no cuartel, na Casa do Mar, chamábanse Gestapo (...) para preparar as actuacións e recibir ordes (...) Os dirixentes eran os mandamases da vila, donos das conserveiras e barcos (...); no grupo ían empregados enchufados deles, un mortos de fame e liantes que cumprían as ordes para os paseos. Tamén mandaban matar fóra de aquí (...) moitos por envexas o rifas de antes", relatan os autores do libro que hoxe se presenta en Bueu.