As XXVIII Xornadas Culturais Festa do Muíño rematan hoxe na parroquia canguesa de Coiro. As actividades comezarán ás 12 do mediodía coa actuación da Banda de Gaitas Tromentelo, que dirixe Sara Malvido, e á unha da tarde será o turno do músico popular Luis O Caruncho, que lerá o pregón a carón do Muíño de Fausto mentres no recinto xa se poderán degustar os tradicionais elementos da festa, con pan e empanadas de millo, ovos con migas regados con xerras de viño e outros produtos da terra. Tamén se instalarán no entorno postos de venda de productos naturais elaborados na parroquia. Pola tarde continuará a música popular da man das pandereteiras Lagharteiras e do grupo folk Diese.

Na xornada de onte, pola mañá celebrouse unha festa infantil no pavillón de Castrillón, organizada por Tromentelo, e abriuse a exposición escultórica "A carón do muíño", de Henrique Prado, que continúa hoxe. Pola tarde tivo lugar o festival infantil de baile tradicional con Pais de San Roque, Escola Tromentelo, Peis d´hos, Ximalveira e Lembranzas da Ría, e Demos do Buraco e Virandeira Folc protagonizaron a Noite Folk Tradicional.