Dicir que a montaxe e representación de "A cabeza do dragón" é algo histórico non é, en absoluto, esaxerado. Ramón María del Valle-Inclán, nado en Vilanova de Arousa, escribiu a súa obra en castelán e a súa familia denegou sempre o permiso para que se fixeran traducións ao galego. Houbo que agardar ata 2016, cando se cumpriron 70 anos da morte do dramaturgo e creador do xénero do "esperpento", para que se extinguisen os dereitos de tradución literaria e que se puidese afrontar a montaxe de "A cabeza do dragón", un texto a modo de farsa que se estreou en 1910.

O público de Cangas será dos primeiros en poder desfrutar desta obra. A estrea foi este mesmo mes de marzo en Teatro Principal de Santiago, logo no Teatro Colón da Coruña e onte no Teatro Lauro Olmo do Barco. Sobre escena estarán Iván Marcos, Yelena Molina, Víctor Mosqueira, Patricia Vázquez, María Costas, Josito Porto, Marcos Orsi e o gran Quico Cadaval, Premio da Cultura Galega 2011 e que ademais se encarga da dirección e dramaturxia. Cadaval é un firme defensor da representación de Valle-Inclán en galego, como unha ferramenta para a creación dun "teatro nacional" e defende que no futuro se fagan máis adaptacións do autor da Arousa.

"A cabeza do dragón" está incluida nunha coleción de farsas que con moita ironía e sorna Valle-Inclán titulou como "Retábulo de marionetas para educación de príncipes". A historia mestura elementos da tradición europea con influencias do Xapón, pero que de maneira oportuna e convincenteValle-Inclán leva ao seu terreo, a ese "grotesco contemporáneo" que el creou: o xénero do esperpento.

O protagonista desta historia é un principe chamado Verdemar, que foxe do seu reino tras ter desobedecido ao seu pai. No seu deambular chega ao reino Micomicón, que como non podía ser menos está atemorizado por un terrible dragón, ao que hai que entregarlle a princesa Brancaflor para manter ao resto da poboación a salvo. Oculto tras unha máscara e armado cunha espada máxica Verdemar mata ao dragón e desaparece. Pero o capitán dunha banda de bandidos, Espandián, tópase coa cabeza do terrible monstro e reclama o seu premio, que non é outro que casar coa princesa. Aquí é onde radica o verdadeiro xerme da historia. A personaxe de Duende axuda ao príncipe en pago dunha antiga débeda: a liberdade.

En realidade "A cabeza do dragón", tras ese trasafondo da influencia do Xapón e da tradición europea con máscaras e acrobáticos combates, introduce unha serie de elementos de actualidade. Hai crítica social, brincadeiras políticas, anacronismos, comentarios alleos á tradición do conto marabilloso. "A función liberadora do riso, a corrupción política, a violencia machista, a anacrónica institución da monarquía, o medo á liberdade ou a banalización do amor romántico son temas desta obra que continúan de actualidade", explican desde Producións Teatrais Excéntricas.

A función de hoxe no Auditorio está programada para as 21.00 horas e as entradas poden mercarse a través da web ataquilla.com, no teléfono 902 504 500 ou na mesma billeteira do Auditorio dúas horas antes da función,de 19:00 a 21:00 horas. O prezo é de 8 euros para o público en xeral, mentras que para pensionistas, xubilados, demandantes de emprego, carné xove e estudantes serán 5 euros.