A poetisa buenense Miriam Ferradáns Ferradás está a piques de pechar un ano máxico, cargado de premios e recoñecementos literarios. Se hai uns días acadaba o segundo premio do XXX Certame Rosalía de Castro, que convoca anualmente a Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornellá (Barcelona), agora acaba de gañar o primeiro premio do V Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, de Mondoñedo, cun conxunto de poemas titulado "Do tacto".

A propia autora explica que este poemario nace "tras unha reflexión sobre os poemas cos que gañei o premio Xosemaría Pérez Parallé", uns textos nos que aborda a importancia e a súa obsesión polo sentido do tacto. Os gañadores do galardón Pérez Parallé deronse a coñecer a principios do mes de novembro e naquel momento Miriam Ferradáns xa tiña claro que volvería participar no Certame Rosalía de Castro de Cornellá, no que xa gañou dúas veces o primeiro premio, e no Manuel Leiras Pulpeiro. "Tiña que decidir que poemas enviaba a cada concurso, pero tiña moi claro que para o de Mondeñedo quería os do tacto", conta a xoven poetisa. Ao final tivo recompensa en ambas as citas: un segundo premio en Cornellá e o primeiro en Mondoñedo. "Estou moi feliz por gañar o Certame Manuel Leiras Pulpeiro. É unha honra e unha felicidade porque Mondoñedo ten unha gran tradición literaria e é xeito de pechar maravillosamente un ano redondo no que a poesía se refire para min", conta. "Estou como nunha nube porque non me da tempo a asimilar tantos premios en tan pouco tempo", admite a poetisa de Bueu.

Este ano 2016 que está a piques de rematar foi especialmente prolífico para ela porque ademais destes tres galardóns recibidos neste último mes e medio hai que engadir o tamén importante Premio Francisco Añón, que concede o Concello de Outes, con "Deshabitar unha casa", unha revisión da infancia para chegar á madurez. A entrega deste recoñecemento foi no mes de maio, coincidindo co gallo das Letras Galegas, e uns días antes xa recibirá outro recoñecemento nun certame convocado polo Concello de Ames.