Se vemos normal que o vermú veña etiquetado en italiano ou o whisky en inglés tamén debería acontecer o mesmo cos produtos feitos en Galicia. Isto é o que argumentan dende o Concello de Bueu e a Irmandade de Agroalimentarias e Adegueiros, que o sábado organizan unha mesa redonda para promover a etiquetaxe en galego. "Que os produtos vaian etiquetados no seu idioma é unha marca de calidade, ao tempo que é unha forma de singularizarse nun mercado global e cada vez máis masificado", defenderon onte na presentación do acto a concelleira de Promoción Económica, Silvia Carballo, e o representante da Irmandade, Xosé González.

A charla e degustación será o sábado a partir das 12.00 horas na carpa instalada na Praza Massó e acudirán representantes de catro empresas que apostaron pola etiquetaxe en galego: a adega Sameirás, Embutidos Lalinense, a empresa de vermú Oh Petroni e Hoxe Queixos. "Hoxe en día hai máis de 200 marcas que se etiquetan en galego, entre elas moitos viños que se exportan en galego", explica Xosé González, que chama a atención sobre a responsabilidade que teñen empresas e nomeadamente os consumidores.

"A economía ten que buscar a súa identidade a través da lingua para reforzar as denominancións de orixe e os consumidores teñen un papel fundamental. Se non consumen os produtos propios as empresas pecharán debido a feroz competencia dos produtos foráneos de grandes superficies, que impoñen condicións leoninas", argumentan dende a Irmandade de Agroalimentarias e Adegueiros. Iniciativas como a marcaxe en galego axudan a poscionarse no mercado global e tamén evitan a minorizar o galego, que en caso contrario correría o risco de quedarse só para usos literarios.

Esta xornada que terá lugar o sábado conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra. O seu responsable de Lingua e Cultura, Xosé Leal, estivo onte na presentación e explicou o sector comercial e a hostelería supoñen unha boa canle para concienciar a sociedade. Leal anunciou que en 2017 aumentaranse as axudas da Deputación neste eido e animou a "consumir e mercar en galego".