Os "larpeiros" do futuro están a prepararse estes días na praza de Bueu. Alí, a asociación de praceiros local e a Federación de Prazas de Abastos de Galicia desenvolven unha actividade denominada "Larpeiriños", que trata de inculcar bos hábitos alimentarios nos máis pequenos e que perdan o medo de achegarse a un mercado tan especial como a praza, coa súa gran oferta de peixe e marisco fresco, entre outros produtos.

Este obradoiro estaba dirixido a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, que onte recibiron unha visita moi especial. A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, achegouse ata Bueu para facerlles entrega dos diplomas "Larpeiriños". Durante as xornadas nas que se desenvolveu esta iniciativa os mozos aprenderon a cociñar algúns dos recursos que poden atopar na praza, a elexir a mellor materia prima para cociñar e elaborar receitas e, por suposto, a comer de maneira saudable. Trátase da mellor forma de ir botándolle o anzó aos larpeiros e clientes do futuro.

Toda Galicia

Os obradoiros veñen celebrándose dende a pasada primaveira en varias das prazas de abastos de Galicia, como Sanxenxo, Pontevedra, Vilanova de Arousa ou Moaña durante o mes de setembro. Neste mes de outubro foi a quenda de Bueu e do mercado das Conchiñas, na Coruña.