Contra as sombras do franquismo

Cangas acolle o domingo unha xornada de actos de homenaxe ás vítimas da represión

12.10.2016 | 02:33
Ofrenda aos mártires de Anguieiro, vitimas do franquismo, nunha imaxe de arquivo. // G.Núñez

Máis dun centenar de familiares das vítimas da represión franquista están chamados a participar nos actos de homenaxe promovidos pola Asociación Memoria Histórica 28 de Agosto en Cangas, cun amplo programa de actos nos que a palabra e a música serán as armas contra o esquecemento.

"Verdade, xustiza, reparación" Son tres palabras que resumen os obxectivos do recoñecemento ás vítimas da represión franquista en Cangas que comezará pasado o mediodía no salón de plenos cunha recepción a familiares de padeceron o réxime con máis crudeza. Virán de puntos xeográficos tan distantes como Barcelona ou Medina del Campo, pero sobre todo de toda Galicia e do Morrazo en particular. Á unha da tarde compartirán a plantación dunha árbore (un acibro) no lugar que ocupaba a palmeira talada na Praza do Concello, e a continuación colocarase unha placa conmemorativa no centro social como "Lugar de Memoria" , previo á intervención de Bernardo Nores en representación das familias. A ofrenda floral no monumento "Memorial da Liberdade" dará paso á música de Xico de Cariño, José Pumar e Guillerme Ignacio, e á palabra de Lucía Novas, Daniel Costas, Luis Chapela, Silda Alfaro e Camilo Camaño.

Pola tarde, no Auditorio

O programa de actos de homenaxe ás vítimas do franquismo retomarase pola tarde no Auditorio municipal, presentado pola actriz Mónica Camaño. Ás seis e media será Xosé Ramón Rocha, cunha adaptación de "Negra sombra", o que abra a xornada vespertina, dándolle paso á lectura da acta do Pleno da Corporación, que o pasado 29 de abril "acordou por unanimidade homenaxear publicamente ás persoas vítimas da represión franquista no noso concello". En base a ese acordo, e con motivo do 80 aniversario do golpe militar contra o réxime republicano, o Concello de Cangas e a Asociación Cultural Memoria Histórica 28 de Agosto fará entrega dese recoñecemento aos representantes das familias.

Despois de intervir o concelleiro de Cultura, Héitor Mera, tomará a palabra Carmeliña e tamén intervirá Telmo Comesaña en representación do Movemento Asociativo Memoria Histórica, así como Xosé María Álvarez Cáccamo. Ao redor das sete da tarde proxectarase o documental "Liberdade truncada", de Antonio Nores, e volverá a poñer música Xosé Ramón Rocha. Finalmente tomarán a palabra Claudio Rodríguez Fer e Carme Blanco, dando paso á entrega de recordatorios á representación de familiares das vítimas da represión franquista. Membros deste colectivo, como Amable Barreiro ou Elisa Rives, que ven desde Barcelona, daranlle resposta a esta homenaxe, no que aínda intervirán o escritor asentado en Cangas Xosé Vázquez Pintor e o alcalde da vila, Xosé Manuel Pazos, que se encargará de clausurar os actos antes da actuación musical de Mini e Mero.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
 

Calendario laboral y escolar 2016/2017

Calendario laboral 2017 en Galicia

Calendario Laboral 2017 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2016/2017 .

 

Enlaces recomendados: Premios Cine