Na memoria de neno quedaron gravadas as festas cando se facían na estrada, xusto no cruce que sube para a casa de Chiné. Neste mesmo lugar tamén se facían as fogueiras de San Xoán e San Pedro, ata que lle ardeu o canastro a don Gumersindo, despois as fogueiras facíanse no quinteiro de señor Eugenio de Chiné, eran espectaculares. Naquel tempo, os veciños dedicábanse aos traballos do campo e tamén xa había un bo número de homes que andaban ó mar.Destes barrios saíron moi bos patróns de ardora e exemplares mariñeiros que navegaron por todos os mares. Os xornaleiros, tanto mulleres como homes, eran moi apreciados polo ben que traballaban sen escatimar esforzos, tiñan un bo coñecemento dos traballos .

No lugar do Cunchal, nunha casa pequena en tempos de antes e despois da guerra incivil se xuntaban os Xóvenes Libertarios, na súa maioría afiliados a CNT. Debullaban todas as súas actividades.Cando foi o golpe de Estado algúns daqueles veciños foron pasados polas armas e outros presos. Estes barrios tiñan unha serie de servizos, como si foran unha parroquia, había dous fornos de pan,varias tabernas (a do Roxo, a de Chiné, a da Grola, Cadete, a Viuda, a de Lelo ou Delmira, a Villa Rosa, esta aínda segue traballando hoxe) así como os bares de Lolo e de Chiné, sen esquecernos do bar do Chicho, na Carrasqueira, nun tempo máis próximo chamado o "Quita sueños". Todos estes locais con moitas historias vividas. Había dúas barberías,aparte de Sra. Carme a Rabela, en Cadilleiro, e no lugar do Comercio, estaba o Café de señora Eugenia que tamén foi baile na época dos nosos pais. Contabamos con dous zapateiros, que eran os encargados de arranxar o calzado da xente.

Os barrios conservan os vellos lavadoiros e fontes que deron moita vida naqueles anos, hoxe algúns están en moi mal estado e piden un arranxo a gritos, eu diría poñelos en valor. Os lavadoiros, eran onde as mulleres a parte de lavar, falaban das cousas da vida e de todo aquelo que acontecía no arredores. Todo cambiou cando chegaron as traídas de auga para as casas, aquelo aliviou moito o traballo das mulleres e dos cativos que tiñamos que carretar a auga en caldeiros. Referente as traídas de auga, estes barrios foron dos primeiros de todo o concello en ter auga nas casas.Dúas das persoas que comezaron con esta actividade foron Lolo o Mudo e Jesus o Escarapelado.

No referente as escolas, que eu saiba houbo catro, na Farria, no Cunchal, na Veiga do Mal e na de don Gumersindo na que estiven eu, xunto os rapaces da miña quinta.Os mestres que ensinaron aos veciños foron: Manuel de Rosa, Mundo, Ddon Gumersindo, Pepe de Jarocas e señor Constante, xa na época máis moderna, o mestre que máis tempo estivo en Berducedo foi don Manuel Mata, que con el fomos a estrear o colexio de Reibón. Neste colexio participei na primeira obra de teatro que se fixo no colexio. Tiven o privilexio de mirar as actuacións dos coros que señor Manuel de Rosa, preparaba e ensaiaba para cantar polo Nadal e polo San Xosé, coros nos que participaban moitos veciños.

Naqueles anos o fútbol xa tiña tanta o máis atracción que ten hoxe, o equipo era C.F. Sprin de Berducedo, que xogou por todo o concello, e incluso en Vigo. Andando os anos nos barrios saíron rapaces que xogaron no Moaña, no Alondras, no San Adrián...

A xente destes barrios non se cruzou de brazos cando se presentou a oportunidade da emigración para Europa, tanto na mariña mercante como nas plataformas petrolíferas. Ciscáronse polo mundo sen saber nin unha palabra de inglés, pero sabían e querían traballar e mellorar as súas condicións de vida, e iso naqueles anos foilles suficiente. A emigración provocou o despexe definitivo á modernidade, casas novas con cuartos de baño, coches, motos, televisións, ... Foi un cambio moi importante. Lémbrome das sesións de cine o aire libre no quinteiro de Tía Delmira, e tamén os títeres no bar de Desiderio,no antigo Café de Sra. Eugenia, e que hoxe acolle a Casa de Cultura. Estábamos comunicados cos barrios dos arredores por camiños reais, e incluso, coa Praia (Moaña), polo camiño das Pagonas ata que chegou a estrada, coa parroquia de Meira, estremabamos co río dos Ladróns ou da Fraga polo barrio de Couso, pola ponte que hai fronte a Escobar.

Cando chegou a democracia os barrios tamén se adaptaron aos tempos, e tivemos representantes no concello dende a primeira lexislatura ata hoxe. Un bo número de veciños traballaron no Latón, e noutras industrias, talleres, asociacións... Recordo que despois de tantos anos facendo as misións na casa de señor Marcial de Gayo, chega o momento de ter unha capela na Carrasqueira, a dos Milagres, da man de D. Donato, e co apoio de todos os veciños.Porque fomos moitos os que traballamos sábados e domingos para facela. A capela é hoxe un orgullo para Berducedo e Piñeiro, e diría que para todo Moaña. Nestes barrios nace o proxecto primitivo do parque do Beque, onde se constrúe grazas a axudas dos socios, que son de todo o concello, despois dunha gran campaña de porta a porta explicando o que se ía a facer alí.

Co paso dos anos se triplicaron as casas dos veciños, se constrúe a escola para os cativos na Veiga do Mal, se consolida a Casa da Cultura, que oxalá se cree o punto de lectura. A.A.V.V Berducedo e Piñeiro, cada ano coincidindo coa festa dos Milagres, leva a cabo unha serie de actos e publica a revista cultural "o Canastro", que xa goza dunha repercusión importante en todo o Morrazo, e incluso, chega aos centros galegos de Bos Aires, Montevideo e Pasaxes. Tamén outorga anualmente un premio cultural e social a persoas ou colectivos, que este ano foi concedido ó veciño de Moaña coñecido por todos como Pepe O Caramuxo.

Como nativo da Peroxa, capital de Berducedo penso que o futuro destes barrios está nos cativos, aínda que eles non se decaten. Hoxe ninguén regala nada e hai que loitar por todo, de aí que estes barrios acostuman a abrir os brazos e se deixan querer. Na miña opinión son un lugar tranquilo para vivir, iso si, os días de festas haberá troula por todo o alto como sempre foi, e será.

Agora toca desexar e gozar dunhas boas festas dos Milagres que xa están aquí.

(*) Veciño de Berducedo