Nesa segunda ocasión, cun reparto diferente por motivos de traballo, incorporaronse efectos especiais que Eberto gravara á tardiña no porto de Cangas: os sons dos motores dos barcos cando saían ao mar, o axirir das gaivotas, as badaladas da Colexiata?

Ao ano seguinte da estrea das dúas pezas no Cine Calvar, o grupo de xoves decidiron organizar unha "Semana de la Juventud" baixo o interrogativo "Xoven ti que fas?". No centro parroquial houbo moitas actividades: conferencias, demostracións ximnásticas, concertos de música e como remate representaron, outra volta no Cine Calvar: "La zapatera prodigiosa" de Federico García Lorca. Os papeis protagonistas foron interpretados por Lina Gallego- la zapatera-, por Emilio Comesaña- el zapatero- e por Antonio Sotelo-el alcalde- O papel de Don Mirlo foi interpretado por Modesto Gil; El Niño por Carlos Gallego e Fina Bon foi unha de Las vecinas.

Esta obra tamén estivo dirixida por Benedicto Nogueira. O vestiario foi elaborado con roupa conseguida por Lina, que traballaba no obradoiro de alta costura das mulleres Martinez Pahino, donas do comercio La Favorita en Vigo. Fixéronse dúas representacións, tarde e noite, e ámbalas dúas cun cheo absoluto.

A convocatoria da Semana de la Juventud, que tivera moi boa acollida entre a poboación canguesa, tentou ser apropiada indebidamente pola Falanxe coa intervención do alcalde E.López Rodríguez "O Jaiba" pero a intención non chegou a máis?

Organizadores e participantes celebraron o remate da devandita semana cunha festa na praia Niño do Corvo.

Comenta Lina que despois das representacións de "La zapatera prodigiosa" o grupo de teatro, por diferentes motivos, foi esmorecendo. A última representación foron tres sainetes que ainda que foron ben acollidos non chegaron a ter o éxito das montaxes anteriores.

E apostila: "Cos cartos que obtiñamos nas representacións pagabamos os gastos. Endexamais houbo aportación algunha das autoridades."

Lina, amadora do teatro, que coas súas amigas ían nos anos 70 do século pasado ao Teatro García Barbón en Vigo. Ainda lembra a mítica "Yerma" de García Lorca con Nuria Espert dirixida por Víctor García. E non esqueceu parlamentos de "La Zapatera": "Pero vamos a ver: ¿a mí qué me importa todo eso? Me casé contigo, ¿no tienes la casa limpia? ¿No comes? ¿No te pones cuellos y puños que en tu vida te los habías puesto? ¿No llevas tu reloj, tan hermoso, con cadena de plata y venturinas, al que doy cuerda todas las noches? ¿Qué más quieres? Porque, yo, todo; menos esclava. Quiero hacer siempre mi santa voluntad".

A escrita

Como xa anunciabamos nunha crónica anterior (Faro deVigo 26 xuño) en 1962 a Editorial Galaxia publicou "20 mil pesos crime" a primeira peza de teatro de Bernardino Graña Villar. Escrita en cinco cadros, e cunha trama policial en clave de sainete, está inspirada nun conto do "Decamerón". Dentro deste periodo que agora narramos entra tamén "Sinfarainín contra do Perfeuto" dirixida fundamentalmente ao público infantil que mereceu ademais unha mención no I Concurso de Teatro Infantil O Facho de 1973. Será publicada en 1975 no número 48 da Revista Grial.

Esta obra tivo ademais a sorte de ser estreada en Padrón no Cine La Torre en decembro de 1975 polo Grupo de Teatro do Instituto Mixto da mesma vila. Escribo "sorte" porque un dos problemas graves que aqueixan ainda hoxe ao teatro galego é precisamente que o traballo creativo de moit@s dramaturg@s galeg@s quedan no papel sen subir nunca a un escenario que é o seu obxectivo. Sobre esta cuestión xa escribía Bernardino Graña en 1968 nun artigo titulado o " Futuro do Teatro Galego" que apareceu no libro "O porvir da lingua galega": "? Teatro galego haber haino. O que pasa é, simplemente, que non se representa. Hai moitas pezas que están agardando seren representadas. Pezas que poderían ser representadas, e con éxito?..insisto en que existe teatro galego e bo sobre os papeis enchéndose de poeira. Moitos literatos galegos da actualidade non se atreven tan siquera a escribir unha pequena peza. As circunstancias que teñen arredor son opostas, inimigas, abafantes. Para que escribir teatro galego se non se pode representar?Algúns saben que traballan precisamente para o futuro que ten que vir.O teatro, por outra banda é un xénero literario moi especial: non está rematado se non é na plasmación real sobre as táboas, diante dun público determinado, a cargo de persoas vivas e concretas. O teatro non pode vivir sen público, sen actores, sen escena, telón, luces,etc. O teatro non pode vivir sen xente que aplauda, xente que chame ó autor a seguir escribindo?".

Obviamente aquí só falaremos da á obra dramática do autor deixando fóra a súa obra narrativa e poética que xunto á dramática foi motivo da tese doutoral "Vida e obra de Bernardino Graña", de Héitor Mera Herbello, actual Concelleiro de Cultura de Cangas.

*Agradecementos: a Lina Gallego, Eberto Pena; aos membros de A CEPA Antonio Monroy, Xosé Luís Lorenzo"Colón" e Fernando Cuñarro. A Alfonso Marcos, Tucho Perete, Estanislao Graña, José Lagoa e Antonio Fernández.