A Asociación de Amigos das Embarcacións Tradicionais Os Galos de Bueu celebra os seus "20 anos de singradura" coa edición do número dez da súa revista, unha publicación volcada na divulgación da cultura marítima e fluvial. O traballo vén de ser presentado nun acto no Museo Massó de Bueu e a asociación este ano voltou a contar coa colaboración da Deputación de Pontevedra, que se encargou nos seus talleres da impresión integramente en cor dunha revista de 70 páxinas.

Os exemplares están á venda nas principais librarías de Bueu ao prezo de 3 euros e "Os Galos" volve a ofrecer unha ampla temática de artigos. O xornalista de FARO Salvador Rodríguez aporta sendos textos sobre "Que foi dos galegos de Hawai?" e "O viquingo namorado de Ons", por Staffan Mörling; Arturo Sánchez Cidrás achega un texto sobre o bergantín-goleta "Joven Casimiro"; Dionisio Pereira fala sobre a escrita dos pescadores; Lino J.Pazos sobre a salga, os fomentadores, barcos e capitáns; Xosé Rivadulla Corcón rende unha homenaxe aos náufragos do mar; Xerardo Dasairas entrega un "Memorial de Beluso"; o escritor Xaime Toxo aporta un texto titulado "O invisible ten sombra". Este número inclúe tamén poemas, tiras do Bichero de Luís Davila e un amplo artigo sobre o fotógrafo José Suárez e a súa serie "Mariñeiros", que en gran medida foi realizada na propia vila de Bueu.

A revista "Os Galos" cumpre dez números, mais o seu Encontro de Embarcacións Tradicionais xa afronta a súa vixésima edición. Este ano vén con cambios importantes posto que se independiza da Festa do Polbo adianta a súa celebración. Nesta ocasión será na última fin de semana do mes de xullo e o programa incluirá un aexposición na sala Amalia Domínguez Búa, proxeccións de películas no Centro Social do Mar, travesías e singraduras polo ámbito da ría de Pontevedra.