"Soliña significa solita, y dicen que desde ahora María Soliña ya no estará sola", descifraba unha parella anciá, con acento de fora, mentres debullaba os discursos que escoitaban no Parque da Palma para honrar a esa muller que se converteu en mártir por obra e desgracia (tortura e persecución) da Santa Inquisición, e en símbolo por gracia e oficio -pode ser que menos "santo", pero máis nobre- do poeta Celso Emilio Ferreiro, que a transformou en personaxe universal e contribúe a levar o nome de Cangas polo mundo. "María Soliña xa era patrimonio inmaterial do pobo, e agora é tamén patrimonio material", diría logo o artista Camilo Camaño para dar por concluído o acto no que se inaugurou a escultura realizada por dous alumnos da Escola de Cantería provincial (Santiago Rey López e Víctor Manuel Casal Nogueira) e no que participaron representantes das distintas institucións, encabezados polo alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva.

O concelleiro de Cultura e Normalización Lingüística, Héitor Mera, estaba chamado a abrir as intervencións institucionais, pero non puido acudir por motivos laborais e falou no seu nome a compañeira Mercedes Giráldez. "María Soliña simboliza en Cangas o sofrimento do noso pobo e tamén do depotismo do poder", proclamou, e deu por feito que aquela veciña que baixaba a cotío á praia de Areas Gordas para lembrar ao seu home e un irmán que morreron no mar loitando contra os piratas turcos que invadiron Cangas en 1617, non morreu queimada, como apuntan algunhas fontes, "senón de vella". En calquera caso, insistiu en que María Soliña "é máis ca un nome ou unha estatua, é un símbolo" do que agora hai tamén testemuña en pedra.

A actuación do grupo de violonchelos do Conservatorio de Música, que interpretou unha versión de "María Soliña", deu paso ao descubrimento da escultura a cargo do alcalde e da presidenta da Deputación. Carmela Silva dixo que lle resultaba "pouco comprensible" que María Soliña "non tivera unha estatua en Cangas e noutros moitos concellos", porque representa "o sofrimento que as mulleres tivemos que padecer ao longo da historia", a persecución e non seren tratadas "como cidadáns de primeira". Tamén a lembrou como vítima "da cobiza" do poder, que lle arrebatou o patrimonio en tempos nos que a invasión turca saqueara o pobo e a penas deixara máis que a terra. "Un pobo sen memoria é un pobo que non ten futuro", insistiu, antes de alertar contra os continuos ataques "aos máis débiles" e parafrasear a Zeca Afonso: "O pobo é quen máis ordena". Para darlle a palabra ao alcalde elixiu un poema do propio Xosé Manuel Pazos, que comeza "Cae a noite sobre a praia/ fuxe o vento de cara ó val/ danza a lúa sobre as augas/ e María escoita o mar..."

O rexedor recoñeceu que o acto no Parque da Palma era "simbólico e emocionante para min" e aludiu a unha sorte de "conxunción astral" para que a figura de María Soliña sexa unha realidade. Primeiro, porque foi o anterior fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, quen propuxo a idea nun pregón das Festas do Cristo, e logo porque atopou apoio na Deputación e a súa Escola de Canteiros, que lle deron forma en pedra a unha figura da que non constan moitos datos biográficos pero que universalizou Celso Emilio e da que se fixeron eco outros artistas como Astarot, Carlos Núñez ou Pemón Bouzas. "Hai moita arte arredor de María Soliño", recalcou Pazos, que aproveitou para lembrar, entre aplausos, a Ramón Rocamonde, mestre e director do instituto María Soliño falecido esta semana, e tamén de proxectos solidarios como a Escola María Soliña na India ou a magnífica representación do desembarco turco producida en 2009 por Teatro de Ningures.

Entre os asistentes ao acto de onte estaban tamén os portavoces de todos os grupos políticos da corporación canguesa e representantes de concellos limítrofes como Bueu, Moaña e Vilaboa, así como de colectivos sociais e persoeiros da cultura. A cantante Ángeles Ruibal, acompaña polo guitarrista Cuchús Pimentel, puxeron as derradeiras notas musicais despois de que Pazos recitara os versos de Celso Emilio: "Polos camiños de Cangas a voz do vento xemía: ai, que soliña quedache, María Soliña". Desde onte, un pouco menos.