Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Aspas súmase á vida en galego

O futbolista participa, con 30 persoas da comarca de todos os eidos profesionais, nun vídeo para animar ao uso do idioma propio

Alumnos das escolas de música de Moaña, no festival de onte. // G.N.

A defensa do galego está a encher de actividades toda a comarca, e particularmente Moaña nos últimos días. Os actos polo Día das Letras continúan. Ata algunha cara tan coñecida como o futbolista Iago Aspas se sumou á defensa do emprego do idioma propio xunto a outras 30 persoas de distintos eidos profesionais. Case todas elas son veciños do Morrazo e participan no vídeo "Vivindo en galego", onde explican a súa relación con esta lingua.

"Eu falo galego cos meus amigos e familia. Fala Galego!" declarou o dianteiro do Celta de Vigo nun vídeo gravado na súa casa. Caras coñecidas como o poeta Daniel Costas, o actor Celso Parada o artista Nelson Quinteiro ou o pianista de jazz Xan Campos defenden o emprego natural da lingua propia de Galicia xunto a profesionais doutros sectores como un adestrador de fútbol base, unha responsable do sector editorial, músicos, mariñeiros ou biólogos. Cristina Ogando, profesora madrileña; Antonia Segura, profesora de Murcia; o director de cinema italiano Simone Saibene; ou a polaca Wika Grygierzec amosan que o idioma de Rosalía non ten fronteiras e defenden, coma a alcaldesa de Moaña, as portas que abre para relacionarse co mundo lusófono.

Este vídeo das equipas de dinamización dos centros escolares da comarca foi coordinado polo IES A Paralaia e se presenta hoxe no salón de plenos de Moaña ás 20.00 horas.

Onte alumnos de todos os colexios fixeron intervencións en diferentes parques e prazas de Moaña, como o paseo Manuel María. Os alumnos das escolas de música municipal e tradicional levaron a cabo tamén un concerto conxunto en San Martiño.

Compartir el artículo

stats