O Día das Letras Galegas celebrouse onte como corresponde en Moaña, enchendo a vila de actividades culturais. Os eventos continuarán nas vindeiras xornadas e se prolongarán ata finais de maio. A xornada de sol animou á participación, pois a metade das actividades foron ao aire libre. Os actos comezaron ás 17.00 horas coa inauguración da exposición de fotografía sobre O Real e O Con organizada pola Agrupación Cultural Nós. O presidente deste colectivo, Xesús Cancelas Franco, deu entrada a unha mostra que será visible ata o domingo 22 fronte ao club náutico.

Os asistentes mostraron a súa sorpresa ante os 22 paneis de gran formato con fotografías do século XX que reflexan o crecemento urbanístico dos barrios do Real e do Con. Os máis maiores sentíronse invadidos pola nostalxia. As fotos máis antigas datan de 1905 e son obra de Federico Cantero. Na inauguración tomou a palabra o seu neto, Federico Cantero Núñez, que é tataraneto de Concepción Arenal. Tamén falou a alcaldesa, Leticia Santos.

Máis xente houbo incluso no Festival Folclórico que se celebrou no palco da música da alameda. Moita xente que paseaba aproveitando a xornada de sol non puido evitar facer unha parada para comprobar o bo estado das danzas e músicas tradicionais que se conservan grazas ao traballo dos colectivos culturais. O festival estivo organizado e protagonizado polas asociacións Charaviscas, Breogán e Solaina. O apartado musical correu a cargo de Airiños do Morrazo.

A figura do poeta homenaxeado este ano, Manuel María, converteuse na protagonista das actividades que pecharon o día. A Agrupación Nós levou a cabo, no salón de plenos, a presentación do caderno editado sobre o autor e a súa vinculación co Morrazo. Manuel Anxo Méndez presentou o caderno lembrando os recitais que Manuel María protagonizou en Cangas e en Moaña. Unha antoloxía poética así como unha escolma dos seus textos teatrais a e súa obra en prosa completan un traballo do que se repartirán 3.000 exemplares.

O mesmo espazo acolleu despois a presentación dun audiovisual que percorre a orixe e historia do Día das Letras Galegas e repasa detalles inéditos da biografía de Manuel María. A banda sonora da peza contén tres poemas recitados polo propio autor homenaxeado.

A programación continúa hoxe con intervencións do alumnado de diferentes colexios no Paseo Manuel María e noutros parques do Concello. Pola tarde, a partires das 19.30 horas, a carballeira da Reitoral de San Martiño acollerá un Festival das Letras a cargo dos alumnos da Escola de Música Municipal e da Escola de Música Tradicional. Abrirá o evento a Banda Xuvenil para dar paso á Banda de Gaitas e Percusión. Ambas agrupacións se unirán para interpretar tres temas tradicionais, entre eles o "Viva Moaña", Considerado por un tempo como o himno da vila.