Moito Morro, con varios actores de Cangas e Moaña, son dos máis veteranos entre os afeccionados e están dando pasos cara o profesionalismo, como fixeron antes tantos grupos desta comarca punteira no mundo teatral. O grupo convidado encargarase de abrir o certame o vindeiro martes, 5 de abril, coa obra "Es-ketches", despois do pregón de Antón Lamapereira.

O martes 12 de abril collerá o relevo o Grupo de Teatro da Asociación de Xubilados e Pensionistas Santiago de Cangas, que, dirixido por Zé Paredes, porán en escena "Farsa plautina", de Agustín Magán, e o 19 de abril será o turno de Se Rial (Codia e Miolo), que representará "A primeira vez", relato dalgúns episodios primeirizos dos seus protagonistas. Os Deslinguados, coa obra "Pobriña sobriña Loli", unha adaptación de "La consulta", de Ángel Camacho Cabrera, subirá ao escenario o 26 de abril.

O mes de maio ábrese o martes 3 con sesión dobre. Ás oito da tarde, O Teatro que Ri, do IES As Barxas, subirá ao escenario a obra "Illas", unha creación colectiva dirixida por Vanesa Sotelo. A continuación, ás nove da noite, o Obradoiro de Teatro do IES María Soliño representará "Suspéndese a función", de Fernando Lalana, dirixida por Xoán Carlos Riobó. Riobó repite o día 10 coa dramaturxia e dirección de "Éxodo, a viaxe de Burhan", a cargo de Teatro A Réplika, do IES Rodeira.

O 24 de maio volverá a haber sesión dobre. Ás oito da tarde, o Grupo de Teatro do Colexio Eduardo Pondal representará "Trouladas Cervantinas", de Alba Guimeráns e Lara Gallego, baixo a dirección de José Ángel Currás. E ás nove da noite, os Comediantes Anónimos do IES Johán Carballeira subirán ao escenario do Auditorio de Cangas a obra "Cadros de amor e humor, ao fresco", de José Luis Alonso de Santos, coa dirección de Vanesa Carballo, Ásun Sóñora, Fran Paredes e Félix Boullosa. A Aula Municipal de Teatro (ATM) de Pontevedra será a encargada de pechar o telón do Citeamor 2016 coa representación da obra "Banqueiros", unha versión libre de textos de Santiago Cortegoso, Afonso Becerra, Cid Cabido, Gustavo Pernas e Jorge Cassinello, con Anxo Lourido na dirección, Carmen Rodiño como axudante e Ledicia Seoane a cargo da iluminación.

No Citeamor conflúen "un nome fermosísimo" e unha comarca que destaca no eido teatral pro cantidade e calidade, pois non é común que se poidan xuntar tantos grupos en tan poucos concellos, conformando así unha morea de espectadores "formados e críticos", segundo destacou o alcalde e dramaturgo Xosé Manuel Pazos. Unha idea na que abondaron a presidenta de A Cepa, Pilar Ferrari, e Xoán Carlos Riobó, principal artífice de que esta ciclo teña continuidade sen perder a identidade.