Música en vacacións. É a proposta que ofrecen o Concello de Cangas e a Editorial Galaxia co ciclo CANtiGAS no Nadal, orientado a que os máis pequenos poidan disfrutar das festas con alternativas lúdicas e a promoción do idioma propio, pois o programa conta co patrocinio da Secretaría Xeral de Normalización Lingüística da Xunta. O primeiro dos tres concertos celebrouse onte no Auditorio, donde A Gramola Gominola deleitou a centenares de persoas, a maioría nenos e nenas acompañados dos seus pais. Hoxe subirá ao escenario Magín Blanco para ofrecer o espectáculo baseado no libro-disco "A nena e o grilo nun barquiño", e mañá será o turno de Mamá Cabra, que chega cunha proposta baseada no seu último disco-libro, "A bruxa discordia".

A Gramola Gominola ofreceu un repertorio de música "de verdade", como eles mesmos a definen, para toda a familia a con diversos xéneros e estilos, como o reggae, o rock´n roll, o blues ou mesmo o punk. Por que as pequenas e pequenos non poden berrar un "Hei ho let´s go, sen que importe a súa idade?", pregoan.

Na queda de hoxe está outro dos "pesos pesados" do panorama musical infantil galego, Magín Blanco, que comezou a súa andaina artística aló polos anos 80 e chega a Cangas para ofrecer o espectáculo baseado no traballo "A nena e o grilo nun barquiño", que está a ser refrendado polo público e que estar tarde estará acompañado pola proposta escénica da compañía Teatro Ghazafellos.

O ciclo CANtiGAS no Nadal rematará mañá cun dos grupos máis representativos da música familiar en galego, Mamá Cabra, capitaneado por Gloria Mosquera e que chega co espectáculo baseado no seu último disco-libro, "A bruxa Discordia", no que a banda colabora coa escritora gaditana Carmen Gil, especializada en literatura infantil. Unha historia para fomentar a paz e inculcar valores positivos.