Os poetas, cantores e trovadores da ría de Vigo serán os protagonistas en 2016 do programa "No bico un cantar", unha iniciativa do Consello da Cultura que cada ano se adica a unha figura senlleira da literatura galega e que o vindeiro ano terá Cangas por escenario. Desde as próximas semanas, centenares de nenos e nenas de entre oito e 14 anos que se forman nos conservatorios e escolas de música de Galicia empezarán a ensaiar un repertorio con partituras elaboradas por directores como Maximino Zumalave ou Juan Durán a partir de textos dos poetas medievais e que todos xuntos interpretarán nunha xornada de convivencia, con concerto incluido, a celebrar o 3 de xuño nos Xardíns do Señal.

Os pormenores desta actividade foron explicados onte en Cangas polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, nunha reunión que mantivo cos concelleiros de Cultura, Ensino e Obras e Servizos -Héitor Mera, Xoán Chillón e Mercedes Giráldez, respectivamente- para organizar a loxística e fixar o emprazamento. Lorenzo confía no éxito da iniciativa e estima que arredor de 400 alumnos participarán no concerto final baixo a batuta de Zumalave. As cifras calcúlanse en función da participación nas tres edicións anteriores. En 2013 adicouse a Rosalía de Castro, en 2014 a Curros Enríquez, en Celanova, e o ano pasado a Ramón Cabanillas, en Cambados.

"A parte vocal son os rapaces e rapazas, e o acompañamento musical será de Hércules Brass, un recoñecido quinteto de metais moi recoñecido", explicou o secretario xeral de Cultura, que incidiu tamén na dinamización que suporá para Cangas a chegada de arredor de medio millar de cantores aos que se lles sumarán as súas familias. "É unha gran festa da música, da lingua e da literatura galegas, e ademais contamos coa colaboración entusiasta do Concello de Cangas", celebrou. Ainda que a idea é celebrala nos xardíns do Señal, donde tamén está prevista unha comida de confraternidade, o goberno ten "un plan B, que é celebralo no Auditorio" se a meteoroloxía non acompaña, explicou Mera.

Por outra banda, Lorenzo explicou que Patrimonio vai facer un informe sobre a cabeza da figura do "santiaguiño" da excolexiata atopada nunha finca de Coiro para revisar o seu estado, e apunta como lóxico que peza "retorne ao seu emprazamento orixinal".