Coia adoita dicir que non lle gusta falar moito porque prefire que o faga a súa obra, e onte non saíu do guión nunha intervención breve, emocionado, con máis de 200 persoas agradecéndolle o xesto ao escultor e veciño. Estaban a carón do "pensador" que preside desde agora o recinto da Garita, convidando a reflexionar sobre a obra pero tamén sobre a vida, a deixar escapar a mirada cara á ría, as praias e as fermosas paisaxes que lle sirven de marco.

Ao acto de inauguración e posterior agradecemento, promovido pola Asociación Cultural Con de Nerga coa colaboración do colectivo de veciños Malladoiro, non faltou o alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos, que fixo fincapé no privilexio que supón vivir en Nerga, a pesares das tradicionais carencias en infraestruturas e accesos, que beleza da contorna e as panorámicas que ofrece compensan de sobra. E tamén por ser terra e mar de artistas como Xoán Piñeiro ou Manolo Coia, de quen destacou a valía da súa obra e o xesto xeneroso de ceder unha escultura para presidir o recinto social.

Con Pazos estaban outros membros da Corporación, de distintas cores políticas. Por parte do goberno tripartito asistiron tamén os concelleiros Mariano Abalo, Mercedes Giráldez, Tomás Hermelo ou Andrés García Bastón, mentres que o PP estivo representado polos edís José Enrique Sotelo, Pío Millán e Rafael Soliño. José Luis Gestido, concelleiro de Cangas Decide e exedil de Cultura, tamén participou.

Mais a representación máis numerosa puxérona os propios veciños de Nerga e membros dos colectivos sociais da parroquia do Hío, que foron convidados para render homenaxe ao seu ilustre veciño e agradecerlle o xesto de poñer unha obra súa como gardián simbólico da Garita. A cambio entregáronlle unha placa conmemorativa e o aplauso do público, así como unha actuación musical a cargo dun grupo de gaiteiros da aldea. Para rematar, todos os presentes compartiron uns pinchos mentres aproveitaban para poñerse ao día dalgunhas actividades que se están promovendo desde o novo centro sociocultural. Todas elas con moi boa acollida, destacan, e agora tamén coa compañía dunha figura que convida a pensar.