A memoria de Xoán Piñeiro segue viva en Cangas e na comarca do Morrazo. O escultor natural da aldea de Nerga, onde unha rúa leva o seu nome, é o protagonista da cuarta edición da mostra que organiza a asociación Amadeirarte. Preto de trinta tallistas e afeccionados á talla de madeira do Morrazo achegan unha parte da súa obra para esta exposición, que se inaugurou o venres na Capela do Hospital e que poderá visitarse ata o 27 de setembro.

A mostra está presidida por unha obra orixinal do artista cangués, unha peza que foi cedida para este acto de recoñecemento por dúas fillas do escultor, Cuqui e Belén Piñeiro. Na inauguración estaba presente tamén a súa viúva, Carmiña; o alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos; e persoeiros da cultura galega, como o escritor Xosé Neira Vilas. A presidenta da Asociación Amadeirarte, Valentina García Abalo, explicou durante o acto inaugural que a exposición pretende ser un recoñecemento e un homenaxe a un dos grandes artistas da cultura galega do século XX. "A cantidade e calidade da súa obra está avalada polos múltiples premios recibidos durante a súa vida e as obras monumentais expostas en diferentes puntos do país", suliñou García Abalo.

Xoán Piñeiro naceu en Nerga en 1920 e finou no Porriño no ano 1980. Dende a súa xuventude adicouse á escultura, na que se iniciou tallando en madeira e logo en pedra e en bronce na súa fundición de Goián. O cangués formouse como artista na Escola de Artes e Oficios de Vigo, nunha escola de imaxenería de Santander e na Escola de Belas artes de San Fernando de Madrid. A súa familia creou en 1999 a Fundación Xoán Piñeiro mantén viva a memoria do creador cangués e é un referente para divulgar a súa obra.

A exposición poderase visitar de luns a venres en horario de 18.00 a 21.00 horas e durante a fin de semana de 12.00 a 13.30 horas e de 18.00 a 21.00 horas. Xunto a Amadeirarte colaboran nesta mostra o Concello de Cangas, a Fundación Xoán Piñeiro, A Cepa e as asociacións culturais O Arco de Vilanova e Eiravella de Donón.