José Tiebo Cabral (1932-1994), coñecido agarimosamente como Pepiño "O Coheteiro" era fillo de Antonio e de Silveria e irmán máis pequeno de Jesús, casado con Josefa (Pasula). Os Tiebo eran propietarios dunha pequena pirotecnia en Serra Nacente encargados de botar os foguetes nas festas. Tiñan a pirotecnia como profesión. E un curmán de Pepe, Avelino, está considerado o derradeiro da saga dos fogueteiros. Os descendentes dos Tiebo aínda hoxe son os encargados de tirar os foguetes das pequenas celebracións de Cangas.

Pepe viviu nunha casa na Fonte Ferreira e despois coa súa irmá e unha sobriña na rúa céntrica de san Xosé. Unha pequena casa de pedra de dúas plantas á que se accedía por unha porta de madeira sempre pintada de cor branca e cun precioso balcón acugulado de macetas cheas de xeranios. Un gato agardábao sempre cando volvía do seu quefacer diario. Porque, iso si, Pepiño era un bule-bule, non paraba en todo o día.

Pepiño era un home de mediana estatura, moi tranquilo. quedara un algo diminuído por unha meninxite mal curada de pequeno. De cara branca, sempre plácida e riseira, de ollos azuis, co pescozo algo inclinado ao lado dereito, o seu pelo louro pasou a facerse branco como a neve. Movía continuamente a cabeza de lado a lado como se non estivese conforme co que miraba ou escoitaba ao seu arredor, como se lle puxese pegas. Tiña un piote, un pouco de barriga pero non esaxerada, e o pantalón traíao sempre máis abaixo da cintura. Vestía camisas de flanela durante todo o ano e calzaba un número pequeno como o seu corpo, o 39. Non sabería dicir a idade que tiña.

Eu lémbroo sempre igual con esa expresión na cara que parecía como un medio sorriso. Gustáballe entrar nos bares e que o convidasen a algunha lambourada, a algunha cousa doce, unha laranxada ou a tomar un café con leite. Ao saír da casa pola mañá, ía ao Batel todos os días. Mais o que máis lle gorentaba na súa vida foi a gasosa. O mellor agasallo que se lle podía facer era convidalo a unha. Como cando visitaba, a media mañá, a taberna mariñeira do Porrón, rexentada por Alfonso, boa persoa e mellor cociñeiro, que lle preguntaba seriamente: "-Ola, Pepe, que che poño?". Pepiño movía a cabeza e contestaba: "- Humm, unha ginebra". Fonso abría unha gasosa e servíalla nun vaso de tubo nos que se serven os cubalibres. E Pepe sentíase o home máis feliz da taberna. Boa xente!

Se o cliente que Pepiño escollera que o debía convidar non se decataba da súa presenza, daba voltas sen parar ao seu arredor ata que lograba o seu propósito. Case que non precisaba falar e case que nunca falaba. Nunha ocasión tomando café no Bar Alondras convideino a un refresco de laranxa e deume as grazas. Fíxose meu amigo. Noutro día atopeino na rúa. Viña chorando. Pregunteille que lle pasaba e díxome que a súa irmá lle berrara. Daba certa pena miralo así, pero algo malo tería feito cando lle berrou.

Paraba moito na farmacia de Socorrito. Diariamente recollía, nalgún bar amigo, un exemplar atrasado do Faro que levaba debaixo do brazo ou nas costas amarrado por ambas mans. Era o seu sinal de identificación. Cando pasaba algunha autoridade, civil, militar ou relixiosa, saudábao militarmente co seu exemplar atrasado do xornal.

Pepiño andaba polas rúas, Colón, Estrela, Real, sempre ruallando, como desconforme co mundo, uchando e rosmando, coma queixándose da mala sorte, falando só e asustando aos rapaces e ás persoas que non o coñecían. Na casa, encanto arrombaba o seu cuarto, facía a cama e almorzaba, saía, ben vestido e ben aseado para a rúa. Pasaba o día onde se sentía máis a gusto, no cuartel da Garda Civil, na casa do Concello, na igrexa. Gustáballe estar ao carón das autoridades. Sempre que podía, visitaba aos seus amigos, as autoridades, no vello cuartel do Forte e na súa porta pasaba longas horas ollando e saudando á xente que entraba ou que pasaba, ao tempo que recibía os saúdos de todos os axentes cando pasaban ao seu carón.

Na igrexa, sempre no altar maior mirando para a xente e nas procesións camiñando a carón das autoridades marcando o paso ao compás dos acordes da Banda de Música. Nos enterros ía diante, sempre a carón da cruz. Era unha persoa moi visible, entraba nas tendas, como na mercería das Xabeiras, e saía, sen máis. Pero a ferraxería de Pepe Poeta era especial para el. Alí pasaba horas e sempre saía con algún bocadillo ou algunha petiscada.

Todos os que o coñecemos, chegamos a querelo e todos en Cangas o respectamos. Ao seu enterro foi moita, moita xente. Eu non recordo na vila unha manifestación de dor tan chea de cariño e sentimento. O funeral foi especial. A Bellas Artes acompañouno co son da música que a el tanto lle gustaba ata o cemiterio e o pobo enteiro estivo presente no adeus a Pepiño.

"Perdemos a figura inocente de Pepiño, o Coheteiro, escribe no xornal Xosé Vázquez Pintor. Ninguén coma el soubo achegarse sen pedir, ninguén soubo gardar o seu arrecendo a xornal de prensa pasado de data, porque o levaba consigo con ese estilo de dignidade cando baixaba pola rúa Real ou andaba vagaroso fronte ao mar da ría. Vai para vinte anos que compartín con el uns chinchos no Porrón . Comemos sen nos dar as grazas. Alguén debeu pagar na barra o noso consumo. Desde aquela saudámonos ao noso xeito de teatro que é a vida. El e máis eu. E para sempre, aquí e alá".

O poeta, veciño e amigo, o entrañable Xosé Santos fíxolle un poema moi emotivo e moi acertado titulado "Marchou en Febreiro (Réquiem por Pepiño)" que empeza así: "Marchou o entrañable amigo/ máis ben marchou un irmán/ no mesmo mes que Cunqueiro/ nos deixou en soedá./ ... /Cangas chora a un bó amigo/ que en nós nunca morrerá/ Xosé Tiebo, "O Coheteiro"/ que trepou ó mais alá" e remata: "Febreiro branco e chuvioso/ de neves e temporal/ cando se nos foi "Pepiño"/ a un glorioso carnaval".

Agora quedamos sen a persoa que regulaba o tráfico na conflitiva e saturada praza da Constitución e no cruzamento na de Paula (Viláfer), na rúa Real. Agora podemos infrinxir as normas coa tranquilidade de que xa non estará Pepiño para amoestarnos, sen palabras, movendo a cabeza, dun lado para o outro como dicíndoche: -pero, home, home, que fixeches!

Estará feliz alá onde se atope dirixindo o tráfico aéreo, de controlador e saudando a tantas autoridades que xa andaron canda el os Camiños da Terra. Que na gloria estea!

*Membros de A Cepa