"Abrín o libro contigo e péchoo contigo". Con estas verbas Asun Estévez se dirixía a Xosé Neira Vilas, en clara referencia ó papel do escritor como prologuista de "Medrar nas mans" e como fonte de inspiración para o último poema desta obra, a terceira na carreira literaria desta buenense. O libro recibiu onte o seu bautismo público nun acto desenvolvido no Centro Social do Mar de Bueu e no que participaron destacadas figuras do panorama cultural galego, coma o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o mencionado Xosé Neira Vilas; o ilustrador Xosé Vizoso; e o editor Bieito Ledo, ademais do alcalde buenense, Félix Juncal.

Precisamente o rexedor foi o primeiro en tomar a palabra ante un auditorio que copou boa parte dos asentos do Centro Social do Mar para presentar esta nova obra dunha Asun Estévez que recoñecía estar "aínda nunha nube" ó final do acto. Neira Vilas e Ledo tiveron palabras de admiración cara a autora xusto antes de que a emotividade inundase a sala. Acompañada ó piano por Jezabel Argüelles, a autora escolleu algúns dos seus poemas para recitalos ante un público en absoluto silencio, atento e por momentos sobrecollido pola emoción. Foron verbas saídas do corazón as que golpearon no máis íntimo dos presentes, que se abren camiño a través da sensibilidade e que lle dan significado ó etéreo. Poesía en estado puro loitando por abrirse camiño entre os gustos dos oíntes, tal e como este libro trata de facer dende agora nas librerías.

De especial afecto foron as verbas vertidas por Alonso Montero, que fixo referencia á doble vertente social e amorosa da poesía de Asun Estévez xusto antes de enunciar algúns dos seus fragmentos favoritos da obra. O presidente da RAG amosouse contento de estar en Bueu "porque coñezo á escritora e é o meu deber como cidadán da cultura". A poetisa agradeceu a excelente acollida dun acto que calificou de "fermosísimo" e no que puido ver como o afecto do pobo e do mundo da cultura foille medrando nas mans.