Carmelino, o boxeador cangués

18.05.2013 | 00:00

Ata agora, todos pensabamos que o único boxeador coñecido do Morrazo fora Xil Rios, mais un combate celebrado en Cangas o 18 de marzo de 1928, descúbrenos xa a presenza dun púxil cangués chamado José Carmelino. A primeira vez que temos noticia del, foi con motivo dunha velada celebrada o sábado 18 de febreiro de 1928 no salón de Vicente Nogueira, ubicado no Forte. Carmelino, que estaba encadrado nos pesos lixeiros, realizaría desta vez, un combate exhibición de fondo a oito rounds contra o ferrolano Alfredo Docampo. Outros combates celebrados foron entre os "Gallos" Antonio Travel e "Dinamo" e entre Miguel Belgrano "El Argentino" e Lores II. Ademáis, houbo outra exhibicións de pesos pesados entre o mítico Andrés Balsa e Lores "El Grande", apelativo que cremos que o diferenciaba do outro Lores non só en categoría, senón tamén en tamaño. Estes combates de exhibición foron o preámbulo preparatorio do combate que no domingo seguinte se celebraría no mesmo lugar e organizado outra vez polo señor Custodio que supomos sería un empresario ou afeccionado cangués desta disciplina deportiva.
Nesta ocasión, o domingo 28, ás catro da tarde, o antedito local estaba rebordar de xente que animada polos pasodobres da banda local, agardaba impaciente o comezo da velada.
O "Hércules galaico"
Esta vez, o mítico Andrés Balsa, que adoitaba combater en "Las Cabañas" de Vigo, actuaría de referee (árbitro) en todos os combates de Cangas que comezarían co enfrentamento entre os "Plumas" Calver e Antonio e Ángel Bamio contra Suncy. Despois de animar a banda o intermedio, enfrentáronse en exhibición, os pesos pesados Villalón e "Hombre Pequeño", apelativo que con certa retranca facía alusión aos seus noventa quilos de peso. - por fin intervén o "león cangueiro", o "as" de Cangas que se enfrenta nos pesos "Lixeiros" ao salmantino Julio Rivero: Despois dun árduo labor de desgaste nos dous primeiros rounds, Carmelino fai que o salmantino beixe a lona, recibindo unha conta de sete, interrompida polo gong. No terceiro asalto, Rivero xa carece de pegada e o cansazo fai mella no seu corpo e espíritu, mais o gong volve a salvalo desta vez. Comenzado o cuarto round, Carmelino consegue colocarlle ao contrincante un directo ao costado que provoca o K.O. definitivo do púxil salmantino.
O organizador destes combates, José Custodio Costas, ante este éxito de público xa anuncia outra velada en Bueu coa presenza de Carmelino e dos músicos da banda de Cangas que interpretarían bailables.
Os combates contaban coa cesión do campo de futbol de Corredoiras onde xogaba os seus partidos o Bueu Futbol Club e o anuncio do evento tiña despertado grande expectación nesta vila pois era a primeira vez que se celebraba unha velada boxística. Finalmente, e sen coñecerse os motivos, os "matchs" serían suspendidos.
Nos anos seguintes, entre vitorias e derrotas, como a sufrida contra Gurri no Tamberlick de Vigo, Carmelino combatería en Madrid e outras cidades de España, realizando combates tamén en Portugal, Uruguai e Brasil, despois de conseguir no 1931 o título de campeón de Galicia dos pesos "Welter". A pesar deste título, a federación española de boxeo rexeitaría por duas veces ao noso púxil como candidato ao celdro nacional dos pesos "Lixeiros" e ao dos "Welter".
As últimas veces das que temos noticia de José Carmelino foron no ano 1934, combatendo en Lisboa e no 1935 en que seguía aspirando a conseguir o cobizado campionato de España dos pesos "Welter". Sen dúbida, coa chegada da guerra civil, haberían de rematar todas as aspiracións deste campión cangués do boxeo.

 

Calendario laboral y escolar 2017/2018

Calendario laboral 2018 en Galicia

Calendario Laboral 2018 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2017/2018 .

 

Enlaces recomendados: Premios Cine