O acceso aos concellos do Morrazo, se exceptuamos Marín, sempre contou con moitas dificultades, pois estes apenas comunicaban con malos camiños de roda as suas poboacións. Non sería ata 1857 cando a Deputación rematase un camiño veciñal (comezado no 1848) desde Marín a Cangas pola Portela, considerado de primeira orde. En 1864 remátase o camiño que ía por Bueu, Beluso e Aldán e chegaba a Cangas por Darbo, ao tempo que se remataba o de Cangas a Moaña e Vilaboa. No 1878, estes camiños pasan a ser carreteiros con máis ancho e firme de grava (murrullo) e xabre, permitindo a circulación das carruaxes ou coches de viaxeiros. Foi esta a época na que circularon entre Marín e Cangas os coches de cabalos "Invencible nº 1" e "El Industrial", mentres que a Bueu, coa mesma orixe, chegaban "La Iniciadora" e "El Recreo nº 1".

Automóbiles de liña

A aparición dos automóbiles esixiría a mellora destes camiños e no plan de estradas do 1911 pasan a categoría de segunda orde, as existentes de Marín a Cangas a de Bueu a Cangas, por Aldán e a de Cangas a Vilaboa. Estas melloras permitirían que no ano 1912 se sustituísen os servizos de carruaxes por automóbiles. Xa que logo, neste mesmo ano, xa comeza a cubrir o traxecto desde Marín a Cangas a "Empresa Sánchez" que cubría esta rota nunha hora e que no 1919 aumentaría a frecuencia a duas viaxes diarias, agora desde Pontevedra. En 1926 aparecería a empresa "Transportes Automóviles S.L." dos vigueses Antonio Alonso Cuenca e Julio Trullenque que cubría con vehículos "Lancia" o traxecto Pontevedra - Cangas con duas viaxes diarias que no ano seguinte pasarían a tres frecuencias por día. Esta empresa había continuar con esta liña ata o ano 1934. A aparición dos automóbiles de liña deulle continuidade ás carruaxes chamadas ferrocarrilanas que enlazaban coas estacións de tren, supeditando os seus horarios ás frecuencias das paradas do tren. Nestas datas, a mellora dos autobuses xa pemitía desprazamentos máis longos, competindo en rapidez co ferrocarril.

No ano 1928, a "Empresa Sánchez" perdería o traxecto Bueu - Cangas por Beluso e Aldán, ao ser revocada esta concesión pola Junta Provincial de Transportes. Porén, como dixemos, continuaría co traxecto Cangas-Pontevedra por Moaña e Vilaboa ata 1934. Neste ano, ambas empresas, Alonso e Sánchez, serían absorvidas pola nova empresa "Transportes Automóviles del Morrazo", máis coñecida como "Martínez", que realiza tres viaxes diarias de Cangas a Pontevedra (duas de mañá e unha de tarde) e unha máis de Cangas a Marín que enlazaba co tranvía a Pontevedra. Tamén facía unha viaxe Cangas-Bueu polas tardes (ida e volta por Aldán e Beluso) e cubría os servizos ás feiras de Pontevedra (1 e 15 de cada mes) e cada xoves ao mercado de Bueu. Estes traxectos, agás o de Cangas-Bueu pola costa, serían cubertos anos despois pola Empresa "Transportes La Unión", ata a sua absorción por "Monbús", que por iso é hoxe a usufructuaria da actual estación de autobuses.

Xa desde 1926, José Cerqueiro Freire de Bueu viña exercendo o transporte de viaxeiros cun automóbil Chevrolet de aluguer (ainda non se chamaban taxis) en sociedade co seu veciño Eugenio Novas que sería quen logo se quedaría con este servizo. Como denominador común con moitas outras empresas de Galicia, o salto do coche de aluguer ao autobús de liña, viña propiciado pola adquisición dunha concesión para o transporte de viaxeiros que facían unha ruta determinada pola Junta Provincial de Transportes e que tiña o transporte do correo como condición imprescindible. Nestas épicas datas, as viaxes nos coches de liña caracterizábanse polo manubrio de encendido a man do motor, as "pannes" ou pinchazos (levaban duas rodas de reposto na baca), un "chauffeur" cualificado e numerosos accidentes e avarías, amén do conseguinte e habitual retraso nas saidas e chegadas. Os sufridos viaxeiros non só padecían nas suas costas os incómodos asentos de madeira senón que por veces tiñan que empuxar o vehículo para que este arrincase o motor ante a inutilidade da manivela. Nos tempos dictatoriais eran habituais as paradas que a Garda Civil executaba na procura de delincuentes ou de contrabando e nas entradas de vilas e cidades existían controis de fielato de mercadorías e barreiras de control de viaxeiros nas estacións.

En febreiro do ano 1928 outórganlle o transporte do correo á nova empresa de José Cerqueiro Freire de Bueu, motivo suficiente nestas datas, para facerse coa concesión en exclusiva do traxecto Bueu-Beluso- Aldán-Cangas que ata agora facía a "Empresa Sánchez". Moi mal debía andar o tema do correo con esta empresa pois agora algúns opinan alegremente que no coche das seis xa chegaría a correspondencia e a prensa a Cangas, "case ao mesmo tempo que o fan en Madrid". No mes seguinte, pois, José Cerqueiro asumiría o transporte do correo e dos viaxeiros coa estrea dun autobús Dodge Brothers. Este contaba con 28 prazas interiores máis as de Imperial ou "baca", nome este proviñente das dilixencias, que cubrían este espazo sobre o teito cunha pel grosa de vaca. No novo automóbil, este espazo contaba agora cuns bancos corridos nos que se sentaban os homes á intemperie e co vento de frente, ainda que as velocidades alcanzadas non fosen grande cousa. No ano 1941, pasaría a dirixir esta empresa Aurelio Cerqueiro Pousada e no 1946 incorporaríase tamén o seu irmán José Cerqueiro. No 1966, coa mellora das estradas, engádenlle á ruta novos destinos (hijuelas) derivados do traxecto da concesión principal e no 1992, xa como sociedade limitada, comezaría un proceso de modernización da sua flota de autobuses, engadindo o transporte discrecional, escolar e universitario.

Esta empresa, co mesmo nome de Cerqueiro, ainda segue a cubrir na actualidade, idéntico traxecto con variantes engadidas (hijuelas do Hio e de Cela, Hermelo e Bon) e outros servizos discrecionais, sendo unha das máis antigas de Galicia, cumprindo actualmente 85 anos de servizo. Esta empresa de carácter familiar pervive hoxe, asociada desde o ano 2002 con outras tres no grupo de transportes de viaxeiros "As Rias". Deste xeito, este consorcio de transportes non só evitaría a sua absorción polos grandes grupos de transportes que aparecen nestas datas, senón que ademáis preserva o caracter familiar e de proximidade que sempre caracterizou ás empresas que o conforman.

*Escritor, profesor e veciño de Cangas