O primeiro dos actos programados polas dúas asociacións será o venres e será na Casa do Pobo de Beluso. Nin o escenario nin a data son casuais: trátase de aproveitar a conmemoración do 79 aniversario da inauguración deste emblemático inmoble, o 1 de abril de 1934, e que foi promovido pola Sociedade de Agricultores El Progreso de Beluso. Nese acto inaugural estiveron Johán Carballeira, Alexandre Bóveda e Cruz Gallástegui, responsable da Misión Biológica de Galicia. A historia da Casa do Pobo de Beluso e da sociedade que a promoveu deu lugar a un libro publicado en 1997 por José Ramón Álvarez Pérez e Xosé Manuel Millán Otero. Ambos autores estarán o venres, a partir das 20.00 horas, para falar dese traballo e desta historia.

A seguinte cita será o domingo, esta vez na parroquia de Cela e onde se lle tributará homenaxe a Agustín García Parada, que fora alcalde de Bueu entre 1910 e 1912 e o segundo presidente do Consello do Partido Galeguista en Bueu, constituido o 12 de xaneiro de 1933. Xunto a el estaban Adolfo Castro García, José María Estévez Castro (autor de "Reconocer Bueu"), Manuel Gutiérrez López , Juan Cestay e Manuel Ríos. Este acto vai ser no centro sociocultural de Cela e os organizadores queren que sirva tamén para lembrar o banquete e mitin que se celebrou na parroquia o 13 de outubro de 1932. Na comida houbo máis de 100 persoas e no posterior acto político interviron Alexandre Bóveda, Xerardo Álvarez Gallego, Ramón Otero Pedrayo e Castelao. Aquel acto tivo lugar na coñecida como "casa do baile", un inmoble que aínda existe e que está pegada a estrada PO-551, xusto ao deixar atrás o cruce cara A Torre.

Ese 13 de outubro foi denominado como "Domingo galeguista" porque houbo máis actos noutras zonas de Bueu, como na aldea de Meiro. En concreto nunha casa, agora restaurada, no lugar de Quintáns: alí falaron Bóveda, Pedrayo e Castelao. Por iso, o terceiro dos actos programados será na Casa da Aldea de Meiro o 14 de abril, coincidindo co día da República, e será unha homenaxe a Marcial Lafuente, un veciño da zona e que formou parte do primeiro grupo galeguista de Bueu. Neste acto estará un dos seus descendentes, Xosé Antonio Portela, e Xosé Novas.