Recén comezado o outono, e cando o vento ía vencendo as follas das arbores nese ciclo vital que se repite desde o principio dos tempos, o Sr. Xosé estreou século, seguramente o derradeiro veciño do noso consello que ten o seu lombo cen anos e dous meses. Xosé Abal Cruz , tamén coñecido como sr. Rosende, achegouse a este mundo rural e mariñeiro de Moaña , un vinteoito de outubro do 1910. Ata os doce anos andaba na escola que había detrás de O Con o mestre era un tal Juanito. Con esa idade e sendo aínda un rapaz comeza a traballar primeiro na casa e a volta duns meses embarca a ardora nun barco chamado Covadonga . Mais tarde andaba a pesca nas lanchas de remos con Pepe Santomé, ían a pescar a remos ata as Cies; nas lanchas estivo uns anos. De novo volve a modalidade da ardora, nesta volta embarca no barco O Rapaciño con Emilio de Enrique , onde estaría arredor de trinta e cinco anos , parte deles exercendo de chaboleiro .

O seu caracter inquedo e traballador, levouno a traballar de novo de chaboleiro na casa de Pena, onde estivo o pe do cañón ata os oitenta anos, con todo segundo os compañeiros dixen , sr Pepe aínda non se quería xubilar, pois sentíase ben. Xa reformado sr.Xosé, seguiu a traballar nas veigas , nas viñas e atendendo os animais domésticos, os cales mantiña con comida natural, era normal miralo por Albariños ou pola Pandiña con a carretilla de herba, isto foi habitual ata hai cinco anos, e dicir ata os noventa e cinco anos .

Recorda que unha vez el e mais Pepe Santomé , fixeron o seu propio bote para andar os oficios baixos, catro tabulas, un machado, martelo e cravos , sen mais, e dise él que era un bote moi mariñeiro. Cando estaba a facer o servicio militar que daquela foron tres anos, aconteceu o Golpe de Estado de Franco , que trouxo a guerra. Xosé Abal como moitos veciños foi obrigado a participar na mesma no bando nacional . Estivo destinado por Huesca, Zaragoza, Teruel e parece ser que estivo na tan soada batalla do Ebro.Lembra que nunha ocasión o pelotón colleu unha praga de piollos , e tiveron que matalos como podían , ata cos dentes trabándolle, foi algo terrible dise .

O certo é que e un home moi pegado a terra, o pobo, polo que sacando o tempo da guerra, e cando ían a botar á sardiña a Leixoes por causa das famosas folgas da sardiña na ría de Vigo, sr. Pepe nunca saíu de Moaña, nin sequera lle picou a curiosidade da emigración, cando eran moitos os homes que marchaban. Probablemente influíu en él o feito de que despois da pesca, na súa casa había bastante traballo , pois tiñan vacas e vendían leite ...

Conta que cando foi do problema da sardiña en Moaña houbo xente que pasou fame, outros levaron os barcos para outros portos máis lonxe para seguir a traballar , foi un ano moi duro en toda a ría de Vigo, nos mesmos tamén fomos un tempo para o peirao de Baiona, por que había medo as represalias , tanto en Moaña coma en Cangas .

E un home que nunca estivo enfermo , o seu médico de cabeceira era D. Amancio, e recorda que unha vez que foi a consulta en tantos anos , díxolle ,onde estivo vostede , non hai historia clínica ningunha, e dubido que teña que atendelo eu. Aquela consulta do médico foi porque Xosé caíra do bilasoles que tiña e doíalle toda a perna, sen máis nada .

Este veciño centenario ten unha devoción inalterable, a romaría dos Remedios en Tirán e tamén ó San Martiño. Todos os anos acude a misa maior como sempre fixo. Incluso nos anos mozos, cantaba nos coros de Eugenio de Xeniño e no de Capellans , polas festas , no San Xosé , e polo Nadal. De xeito irónico dise que nunca bebeu auga, sempre viño tinto, a auga é para lavarse, ata hai tres anos que toma un vaso o día por causa dunhas pastillas que ten medicadas. Conta que con cinco anos o seu pai levábano as costas á festa de San Martiño e paraban nos fúranchos, quizáis daquela lle veña a súa devoción por estes establecementos, xa que nunca deixou de acudir os furanchos ó longo dos anos nas festas do patrón .

Hoxe a ocupación de sr . Rosendo é vivir na súa casa de Tirán, ben atendido despois de unha longa vida de traballo , como pouco noventa anos . Todas as tardes, Luís Santomé, ese compañeiro que está sempre o seu carón pasa a recollelo , e co seu inseparable caxato, achéganse algún furancho a beber unha taxa de tinto , ritual sagrado cada día, como as pastillas do médico. Este veciño de Moaña , e do Morrazo, goza de unha lucidez incrible , e unha memoria perfecta. Subliñar que este repaso pola súa vida fixémolo sentados ó redor dunha mesa nun furancho no barrio do Cruceiro , onde bebemos viño tinto e comemos castañas cocidas, todo un prodixio de vitalidade . Os amigos que estabamos sentados á mesa co sr. Xosé , so nos queda desexarlle que siga acudindo moitos anos máis ós Remedios e a San Martiño, e por suposto a probar o viño novo .

Agradecerlle o esforzo e amabilidade que tivo para contarnos as experiencias da súa longa vida, foi unha tarde inesquecible para todos entre viño tinto e castañas cocidas.