Baixo o asesoramento do experto Santiago Corral, presidente da Asociación Micolóxica Liboreiro, os asistentes comezaron a xornada na área recreativa de Chans, en Cela, e continuaron o percorrido pola Cruz de Hermelo e o monte de Paralaia, onde lindan os municipios de Bueu e Moaña. Os primeiros pasos déronse a modo, co obxectivo de pararse a buscar as especies, analizalas e comentar as súas características para aprender a distinguilas, xa que un erro pode ser fatal. No caso de dúbida, mellor non collela nin tocala, sinalan os que saben.

Boletus edulis e boletus baio, calificadas de "excelentes" polo monitor e que provocaron a sorpresa e ledicia de todos, tanto pola cantidade como pola calidade das mesmas, foron as especies predominantes dunha xornada que ofrecía a priori algunhas dudas pola escasa humidade dos últimos días, e que na teoría anunciaba unha escaseza que non foi tal. Ademais, o bo tempo contribuíu a disfrutar dos montes e da paisaxe desde os cumios da comarca.

Dez semanas

O programa organizado por "A Máis" , e que continuará todos os sábados durante dez semanas en roteiros de seis horas, inclúe unha merenda no monte, e os participantes tamén teñen a opción de disfrutar do alonxamento e de cena. Onte, a maioría dos participantes era do Morrazo, aínda que tamén se apuntaron algúns foráneos, coma uns visitantes chegados de A Coruña. Ao mesmo tempo creouse un concurso de fotografía e os traballos seleccionados optarán a un premio a través da páxina web www.hotelesmorrazo.com. Tamén se prevé facer unha exposición coas instantáneas recollidas sobre esta temática.

A oferta cultural, gastronómica e lúdica da Asociación de Alonxamentos Turísticos complétase coa exitosa campaña "Plántate no Morrazo", na cal os participantes reciben un castiñeiro ou un carballo para seguir reforestando as zonas afectadas polos incendios forestais de 2006 no Balcón do Rei.