Bernardino Graña Villar, nado en Cangas do Morrazo no ano 1932, xa é de pleno dereito membro numerario da Real Academia Galega (RAG). O Auditorio municipal da súa vila natal acolleu onte o multitudinario acto de ingreso nesta institución, que el mesmo definiu na súa intervención como "lanza de combate, como chamada pola Patria, pola Lingua e pola Cultura". Para Graña foi unha cerimonia especial por varios motivos, pero sobre todo porque os encargados de darlle a benvida na RAG foron dous vellos amigos e compañeiros de fatigas: Xosé Luís Méndez Ferrín, na súa calidade de presidente da Academia, e Ramón Lorenzo Vázquez, que foi o encargado de dar resposta ao discurso do poeta. Os tres coincidiron hai máis de 50 anos na súa etapa de estudantes en Madrid e formaron parte do grupo Brais Pinto. Vázquez falou de Bernardino Graña como "o poeta do amar", en referencia ás dúas claves da súa obra poética: o amor e o mar.

O acto de ingreso comezou co propio homenaxeado fóra do propio patio de butacas do Auditorio. Ferrín e o secretario da RAG, Xosé Luis Axeitos, deron en primeiro lugar conta da acta na que se acordou o ingreso de Graña na institución, do 27 de xaneiro de 2009. A continuación dous dos académicos, Margarita Ledo e Darío Xohán Cabana, foron os encargados de saír da sala para ir a buscar ao poeta cangués. Na súa posterior entrada e subida ao escenario para ler o seu discurso foi acollido con todo o público en pé e brindándolle un agarimoso aplauso.

O homenaxeado leu o seu discurso sentado, nunha intervención que se prolongou durante unha hora e cuarto. O texto tiña por título "Os contos populares e Rosalía", pero comezou falando dos galegos e da súa infancia. "Os galegos somos como salmóns. Se queremos buscar as nosas augas puras e primixenias e seguirmos sendo como nós mesmos, se queremos sobrevivir, sermos fieis á nosa indentidade, temos que deixar o ancho mar do castelán e impulsarnos contra a corrente". E tras percorrer ese camiño, non exento segundo el dalgúns perigos, "río arriba, no cumio do noso afán está a Real Academia Galega" e aos seus membros agradeceulles a honra "por me recibir aquí, na miña vila de Cangas".

A elección dos contos populares como fío argumental do seu discurso vencellouna directamente coa súa infancia e incluso cos momentos anteriores á vida, no ventre materno. "Creo que comecei a vivir antes de nacer ao compás das conversas da xente, ao compás das conversas da avoa coas súas fillas, coa parturenta, a miñas nai e coas miñas tías e co meu pai". Deste xeito esas conversas"foron unha especie de caldo, de líquido amniótico" e "foron meténdome en contos antes dos contos, antes dos libros". Foi "un rumor de palabras" antes das palabras mesmas. E logo lembrou aquelas historias que lle contaba a avoa, a nai e a súa madriña porque foi esa literatura oral a que o seduciu para logo contactar coa literatura escrita.

O seu longo discurso, que incluiu algúns momentos que lograron arrincar as risas do público, concluiu cun sonoro aplauso e coa evidente mostra de afecto e cariño por parte do numeroso público presente, entre os que non faltaban familiares, amigos, persoeiros da cultura e representantes do Concello de Cangas.