Rosario Iglesias Molanes, de 72 anos e veciña de Darbo; Mª Carmen Menduíña, de 74 anos e residente en Aldán; María Teresa González, de 80 anos e veciña de Coiro; e Josefa Portas Martínez, de 92 anos e vive no Hío son as catro mulleres elexidas polo Concello para render homenaxe ao traballo realizado no campo por tantas xeracións de mulleres canguesas. Será o luns, coincidindo co Día Internacional da Muller, e forma parte da programación organizada pola Concellería de Igualdade que asume directamente a alcaldesa.

Clara Millán presentouna onte xunto coa directora do Centro de Información á Muller (CIM). Os actos comezarán ás 13:00 horas coa inauguración da exposición colectiva de Ainara Pereiro, Yolanda Muñoz e Pili Monroy na Capela do Hospital. Ás sete da tarde terá lugar o acto de recoñecemento ás mulleres labregas na sala de exposicións do Auditorio municipal. Proxectarase o documental "Nós, as mulleres da aldea", da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego. Arredor das oito menos cuarto será a inauguración e entrega de premios do IX Certame de Fotografía "Mulleres", que xirou sobre o tema "As mulleres e a terra". O gañador foi o vigués Roberto de la Torre, coa instantánea "La luz es vida", que ilustra o cartel deste ano, mentres que o segundo premio recaíu en Francisco Javier Arcenillas, de Málaga, co traballo "Malavrava".

O programa seguirá coa proxección do documental "As mulleres e o agro en Cangas" e a entrega de recoñecementos ás catro mulleres labregas que representan un importante papel na producción de alimentos, como xornaleiras ou no sostén de moitas economías domésticas. A banda de gaitas Tromentelo, que simboliza o achegamento das mulleres a este instrumento tradicional, porá unhas notas musicais para despedir a xornada central. Para rematar os actos conmemorativos en Cangas, o día 17 abrirase no Auditorio municipal a mostra "Elas sempre están", da Secretaría Xeral de Igualdade. Estará exposta ata o 30 de marzo.

Tanto a alcaldesa como a directora do CIM fixeron fincapé na importancia de "visibilizar" o papel xogado polas mulleres desde distintos ámbitos. Nesta ocasión son as traballadoras da terra, representadas por catro parroquianas que simbolizan a outras moitas que deixaron a pel no campo durante décadas.