Unha quincena de persoas acudiron o sábado pola tarde á convocatoria no "picadeiro" de cabalos próximo ao recinto de festas para tantear ao animal, e unha delas puido levala despois de ofrecer 700 euros, unha cantidade sensiblemente inferior á súa valía, segundo sinala o presidente da comisión de festas, José Verdeal. Previamente, outro veciño chegou a ofrecer 875 euros, ainda que a imposibilidade de levala no momento, pois necesitaba dos correspondentes "papeleos", fíxolle dar volta atrás. Finalmente, a becerra partiu onte cara a un matadeiro de Pontevedra, e probablemente hoxe xa se poderán mercar os despeces nas carnicerías.

Pouca ganancia lle quedará deste proceso á comisión, asegura o seu máximo representante. Entre os 640 euros que lles custou hai máis de catro meses, os gastos da crianza neste tempo, os de impresión de rifas, a publicidade por megafonía e o camión de transporte, os gastos superaron os 1.200 euros, mentres que os ingresos suman algo menos de 1.700, que resultan dos case 1.000 recadados coas rifas e os 700 euros da subasta. "Non paga a pena tanto traballo para que nos queden menos de 500 euros de ganancia", estima Verdeal, que o vindeiro sábado reunirá a toda a comisión no local habilitado baixo o palco de festas co obxectivo de pechar as contas e presentar a súa dimisión, pois xa está canso, cre que el xa aportou o seu gran de area e outros deben coller o relevo.