O proxecto de Grand´s naceu en Moaña en 2003 co nome de RDS, e mudou de nome e de compoñentes. Na actualidade está formado por Lupi, Kali e Lou, e ademais de ter participado en varios festivais repartidos pola xeografía galega, teñen publicados dous traballos. Do último, “So many problems” -que estará dispoñible a comezos do verán -, en Redondela interpretarán os temas Divine e Neno del Barrio, mentres que entre os temas vellos optaron por Soul Machine. O feito de ter sido seleccionados para a final do concurso de maquetas supúxolle ao grupo, que este ano tamén está inscrito no programa Son de Cangas, “un empuxón anímico importante, xa que é unha mostra inequívoca da calidade do novo traballo”.

“Grand´s fan do directo a súa mellor arma”, engaden quen os coñece. “Camaleónicos, poden optar por unha posta en escea máis teatral ou decantarse pola troula e a festa propias de festivais de maior público sen deixar a ninguén indiferente”. Para o concurso de Redondela agardan contar cunha morea de seguidores, e do seu respaldo depende o trunfo final fronte dous competidores de alto nivel.

Ao mesmo tempo, o grupo segue a traballar no seguinte traballo, aínda con máis pretensións: “Un proxecto serio require xente con pretensións serias; por iso a adaptación e a compenetración é total”, destacan.