A Consellería de Cultura impulsou a partir do ano 2006 un proxecto chamado “Recuperando a memoria”, vencellado á Guerra Civil e á posterior represión. Coa colaboración das tres universidades galegas fixéronse numerosas entrevistas a persoas que sufriron a represión ou ós seus familiares. Esa recollida de testemuñas chegou ata o propio municipio buenense, onde o equipo dirixido por Lourenzo Fernández e coordinado por Gustavo Hervella conversou durante horas con varias persoas. Entre elas estaban as dúas fillas de Francisco Escáneo; unha irmá de Benito Pastoriza Fariña, que estivo preso no penal navarro de San Cristóbal; ou o fillo de José de la Torre, que foi o primeiro represaliado na vila, entre outras persoas. Falan de “como viviron a humillación a que foron sometidos” [entre os entrevistados hai familiares de mulleres rapadas], da vida daquela época, da posguerra e, finalmente, da chegada da democracia...

Proxección

Unha selección de todo ese material será proxectada o domingo 19 de abril no Centro Social do Mar, no acto central do cabodano do fusilamento de Johán Carballeira (o 17 de abril de 1937). Unha copia completa desas gravacións foi entregada á propia Asociación Amigos de Johán Carballeira, que a incorporou ós seus fondos e no futuro quere preparar un documental. Esa proxección será ás 18.00 horas e tamén intervirán os dous historiadores que falaron cos catorce veciños de Bueu, Andrés Domínguez e Antonio Somoza, para explicar as súas conclusión acerca da represión en Bueu.

Antes dese acto terá lugar a tradicional ofrenda floral no monumento a Johán Carballeira, que está frente a praia da Banda do Río e que é obra do artista cambadés Manuel Paz. Éste é un ano especial porque se cumpren dez anos dende a súa instalación e a asociación pediulle ó concello unha serie de melloras que sirvan para realzar a importancia do monolito. Así, xa non se pode aparcar no seu entorno e nos vindeiros días vaise colocar unha placa explicativa na súa base. O colectivo quere que o monumento non recoñeza só a figura do antigo alcalde e escritor Johán Carballeira, senón a todos aqueles que xunto a el “sufriron pola liberdade”.

Xunta directiva

Por outra banda, a Asociación Amigos de Johán Carballeira acaba celebrou recentemente unha asamblea para a renovación dos cargos da xunta directiva. Non se rexistraron cambios significativos e apostouse por dar continuidade a actual dirección para dar continuidade ó traballo realizado. Así, o presidente da agrupación seguirá sendo Manuel Antón Mosteiro García; o vicepresidente será Manuel González Ferradás; o secretario Xosé Novas Piñeiro; a tesoureira Dolores López Villanueva e os vogais serán José Casaleiro, Pablo Diéguez Pais, Xosé Portela Villar, José García Cuervo, Xabier Castro Otero e Xosé Leal Fariña.