A norte en San Martiño

Unha análise da evolución desta freguesía

 01:45  

MANUEL UXÍO BARREIRO / MOAÑA Cando se están a analizar os documentos que se gardan nos arquivos, arredor do desenvolvemento da freguesía de San Martiño de Moaña, comprobase que case tódolos que proceden da Idade Media están relacionados coa morte; así o primeiro coñecido, datado a finais do ano 1237 e conservado no arquivo nacional de Madrid, refírese en latín a unha doazón de diñeiro que fai un dos primeiros cregos da freguesía, Fernando Arias, ao daquela abade do mosteiro de Armenteira, Don Sancho, para que os frades recen pola alma dos seus pais.
Dos séculos XIV e XV hai documentos en galego, depositados no museo de Pontevedra, que se refiren a enterramentos feitos dentro da igrexa románica; nun deles, o escudeiro Roi Lourenzo manda nunha cláusula do seu testamento, asinado na data do 8 de abril de 1414 o seguinte: "e quando for merced de Deus de acontecer meu finamento deste Mundo, mando enterrar o meu corpo, dentro essa Yglesia de san Martiño de Moaña, de zeito da Porta trabesa, de contra o Vendabal" .
Os datados no século XVI xa se empezan a escribir en castelán, encontrándose no arquivo parroquial, depositado no diocesano de Santiago, varios recibos de misas nese idioma; están asinados por abades e capeláns de Moaña e refírense a persoas que continuaban sendo enterradas dentro do templo.
Do século XVII xa se encontran apuntamentos dos defuntos moañeses, sinalando o lugar onde eran sepultados; capela maior románica para cregos, señores do Rosal, de Paxarín e outros membros da fidalguía moañesa; o resto da igrexa acollía aos demais falecidos de morte natural e no adro de arriba facíanse sepulturas para suicidas e renegados.
Antes de que a igrexa mandara construír un cemiterio, inaugurado en setembro de 1833, durante seis meses soterraron a tódolos defuntos de Moaña no adro de arriba, na cara que da ao norte; o motivo foi que dentro do templo había malos cheiros de tanta xente como remataba a vida, nunha freguesía cuxa poboación aumentaba dabondo.
Nese cemiterio erguéronse algúns nichos onde se metían aos moañeses mais podentes, os demais descansaban na terra, debaixo de sartegos, nalgúns casos de pedra ou mármore, ben ladrados e gravados; a maior parte deles foron cortados e postos nos muros que perimetraban o camposanto en 1988, ano en que se derrubaron os devanditos nichos e cinceiros, levándose para o novo de Trigás, aberto en 1942, as cinzas que se encontraban neles.
En 1964 deu comezo un meirande declive da histórica freguesía de San Martiño, pola consecuencia de dividirse en dúas parroquias; neste reparto, a matriz quedou moi prexudicada, tanto no reconto de barrios como de poboadores, que só foron equitativos sobre o papel dalgúns documentos que chegaron a sé compostelán, totalmente alleos a realidade; nese feito, houbo complicidade do concello que lle deu valor civil a esa situación inxusta, que só debera afectar a Igrexa Católica.
Unha das primeiros accións que se promoveron para paliar o esquecemento dos lugares históricos moañeses, e sen dúbida a de mais calado, tivo lugar en 2006, ano en que se lousou, axardinou e iluminou o devandito cemiterio, que xunto cunha obra similar feita ao mesmo tempo no adro de abaixo, conformaron unha fermosa contorna da igrexa románico - barroca de San Martiño.
Pola devandita causa e tendo en conta tamén que se está a darlle remate a restauración da reitoral; nestas datas en que se lembran e honran aos nosos devanceiros, tanto os que se encontran no osario común dos que faleceron denantes de 1942, como os demais; faise moi difícil comprender que haxa tan mala relación entre algúns veciños responsables da programación das festas de San Martiño, santo elixido a finais do século XII, para protexer a recén creada freguesía de Moaña, e os actuais responsables do concello que loitaron para acadar este rexurdimento das mais senlleiras sinais de identidade moañesas.
*Manuel Uxío Barreiro_é veciño de Moaña

Síguenos en...
  LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES
 LO ÚLTIMO
 LO MÁS LEÍDO
 LO MÁS VOTADO
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo
Diari de Girona | Diario de Ibiza | Diario de Mallorca | Empordà | Información | La Opinión A Coruña | La Opinión de Granada | La Opinión de Málaga | La Opinión de Murcia | La Opinión de Tenerife | La Opinión de Zamora | La Provincia | La Nueva España | Levante-EMV | Mallorca Zeitung | Regió 7 | Superdeporte | The Adelaide Review | 97.7 La Radio | Blog Mis-Recetas | Euroresidentes | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya