Manuel Piñeiro González / BUEU

Esta semana estase celebrando o I Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu na que participan máis de vinte filmes de toda España. Entre eles, hai tres galegos. "Cores" está entre elas e Jairo Iglesias é o seu director. Non é a súa primeira curta, pos no 2006 foi premiado cun Mestre Mateo á mellor curtametraxe de ficción por "Cicatrices" e o ano seguinte estivo nominado por "Rosa dos Ventos". "Cores" é a segunda película dunha triloxía de curtas ambientadas na Guerra Civil española. A primeira foi "1936.Ribadeo" e a súa próxima produción "Campás", pechará a saga. Hoxe no festival proxectaranse os filmes "Villa Olvidada" de Miguel López y Elena Najar, "Niños que nunca existieron" de David Valero, "El Ataque de los robots de Nebulosa 5" de Chema García, "Empty Spaces" de Félix Vidal y "Madrid-Moscú" de Javier San Román Martín.

- ¿Que lle parece esta primeira edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu?

- Creo que é unha aposta interesante, pois non se fai nunha vila de grandes dimensións como pode ser Vigo ou A Coruña. Ademais, en poucos festivais se premia o labor dos técnicos e o de Bueu si o fai. Está ben que valoren o labor dos técnicos, porque sen eles non fariamos nada. Non todo o que se ve reproduce o traballo que fixo.

- ¿Cre que as curtametraxes deberían estar máis recoñecidas e difundidas hoxe en día?

- Penso que agora mesmo se está a consumir moito formato pequeno como o programa de Telecinco Cámera Café, que non dura máis de media hora. Se este funciona porque non o pode facer unha película de dez minutos. Hai curtas que en seis minutos contan historias máis intensas que unha longametraxe.

- ¿Se imaxina que se proxecten curtas nas salas de cine?

- É dificil que saian curtas nas salas. O que si podían facer é programar curtas antes das películas. En EE.UU., moitas produtoras grandes como Pixar fanno dende fai tempo. Seguramente, cando chegue a tecnoloxía dixital será máis doado que isto ocorra.

- ¿Espera gañar algún premio neste festival?

- Está complicado. Nos circuítos coñecémonos todos e sabemos que filme funciona e cal non. Pero, ao mellor, ó ser dos poucos directores galegos no certame, nunca se sabe, poida que caia algún premio.

- Preguntollo porque "Cores" está recibindo moi boas críticas e bastantes galardóns. ¿Cómo está levando esta situación?

- Estou un pouco soprendido, sobre todo. É unha curta simple, con poucos diálogos e nunca pensamos que funcionaría tan ben. Ademais, está funcionando tamén fóra de Galicia. Aínda que está en galego, é unha historia universal. Está ambientada na Guerra Civil, pero isto é algo circunstancial. Non me interesa o conflito, impórtame a xogada no taboleiro de xadrez, como se desenvolve a relación entre os dous soldados. Eles non se coñecen e non saben de que bando son parte. Na actualidade, xa estou traballando na terceira parte da triloxía da Guerra Civil e chamámola "Campás".