A Asociación Cultural de Meiro pretende recadar fondos para cubrir os custes que supón a restauración e rehabilitación de tres muíños na zona de O Canudo, sita no lugar de Trasouto. Para iso porá en marcha distintas iniciativas, entre as que se atopa a celebración dunha romería no citado lugar, prevista para o domingo 3 de agosto. Na organización desta festa tamén participarán a Asociación de Veciños Cabanouro e a Asociación de Amigos do Morrazo Verde.

O entorno do evento está rodeado de catro muíños: o da Presa, restaurado hai anos, e os tres que están sendo rehabilitados agora mesmo: Laxes, Vilas e Santos. Durante a romería haberá postos de comida con produtos tradicionais, así coma actuacións musicais e unha serie de charlas explicativas sobre a fauna e a flora do lugar. Tamén está previsto facer dous roteiros de sendeirismo entre a vila buenense e o lugar da romaría, ás 9:30 e as 18:00 horas.

A recuperación deste patrimonio conta coa participación da Unión Europea a través do Plan Proder II, que cubre unha parte do custo; o resto -uns 30.000 euros- debe ser asumido pola Asociación de Meiro.

Outras fontes de ingresos

A devandita organización tamén ten previsto outras fontes para tentar chegar á cifra de cartos que precisa. Entre elas cabe citar a venda dunhas rifas, ao prezo dun euro, coas que se sorteará unha cesta de produtos tradicionais, unha mariscada e unha viaxe á Illa de Ons. Por outra banda, varios artistas colaborarán pintando unha serie de cadros o mesmo 3 de agosto. As obras subastaranse a mediados de mes.

Esta iniciativa presentouse onte no Concello de Bueu, onde o edil de Medio Ambiente, Manuel Otero, animou aos veciños a "participar e coñecer os entornos dos ríos Frade e Bispo". Así mesmo, a presidenta da Asociación de Meiro, Victoria Martínez, mostrou a súa esperanza de que as obras de restauración estean acabadas para a romería.