A Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas segue dando pasos adiante. Onte houbo animación nas rúas durante toda a tarde, e desde as nove da noite representouse "A cuadros" pola compañía andaluza Vagalume Teatro. A expedición A Cuadros, formada polos mellores homes dun afastado pobo escocés, partiron na procura e captura dunha pantasma que fuxiu do seu castelo. Eles foron os responsables de atopala e devolvela ó lugar de orixe. Para tan arriscada misión contaron coas súas mellores armas: a gaita, a percusión, o whisqui, o céspede, as nubes, a choiva e as saias... a cadros. O programa tamén incluiu a representación de "Pinochio" a cargo de Títeres Cachirulo na Alameda de Aldán, co se avanza na proposta de descentralizar os actos.

Asimesmo, celebrouse a primeira xornada do Encontro Ibérico de Revistas de Teatro, no que participaron unha decea de publicacións de Galicia, do resto do Estado e de Portugal, con "resultados moi satisfactorios", segundo adiantou o responsable da organización, Antón Lamapereira. Os participantes visitarán hoxe os fondos María Casares e decidirán sobre un próximo "Encontro".

"Revoltallo en pedra", hoxe; e os Monicreques de Kukas, mañá

O programa da Mostra inclúe para hoxe a manifestación artística "Revoltallo en pedra", protagonizado por distintos colectivos de teatro, danza e música do Morrazo e que terá lugar durante todo o día polas rúas e prazas de Cangas. Trátase dunha iniciativa para coñecer o traballo dos grupos da comarca e diversificar os espectáculos, ó tempo que se animan os espacios públicos. A festa rematará á noitiña na Alameda Vella.

Mañá será o turno dos Monicreques de Kukas, que porán en escea "Sen título 4x8x6", un espectáculo de gran formato dirixido a todos os públicos e co que "queremos transmitir e amosar a maxia da creación artística conxugando marionetas, a acción de pintar en directo, a informática, o vídeo, a poesía e a música dunha maneira sutil, sinxela e divertida", nas súas palabras. As entradas de adultos custan 5 euros, e dous para menores de 12 anos. Os socios de Xiria entran gratis.