Preto de medio centenar de alumnos e mestres de capoeira participaron onte pola mañá na Praza das Pontes de Cangas no sexto encontro desta modalidade que organiza o colectivo Brasil Culturas coa colaboración da Fundación Deportiva. Ó frente desta mistura de bailes, deporte e defensa persoal, que desde hai catro ou cinco anos que se practica en Galicia, está Alexandre Jurado, un brasileiro que leva 16 anos impartindo esta disciplina no seu país de orixe primeiro, e logo en Canarias, ata que se trasladou a Cangas e agora ten un amplo grupo de alumnos no ximnasio Atlantic Fitness.

"A capoeira é un espectáculo que ten un pouco de todo: arte, loita, representación, samba... E un deporte que pon a funcionar todos os músculos, moi completo para moldear os corpos das mulleres e dos homes", sinala Jurado, que atopa sobrados motivos -entre os que non faltan os beneficios para a saúde- para que se teña convertido nunha moda á que se apuntan cada vez máis persoas de todas as edades. A experiencia na Praza das Pontes, que durou preto de dúas horas, animou a mestre e alumnos a repetir pola tarde, deixando claro a satisfacción que lles produce esta práctica.

"Enganchadísimos"

"Entusiásmalles saltar, bailar e xogar capoeira; están enganchadísimos", engade Alexandre. Mesmo houbo un sorteo de prendas entre os participantes, e o compromiso de repetir esta demostración pública no mes de decembro, sempre que a ilusión se manteña e a pesares de que "no inverno non é o mesmo que no verán, polo traballo e o frío, que animan menos". Pero antes continuarán asistindo ás clases de formación para perfeccionar a técnica e seguir divertíndose.