A inauguración da Feira de Oportunidades que Fecimo abriu onte na carpa instalada na Alameda Nova de Cangas foi como unha representación a escala do inicio das rebaixas no Corte Inglés. Nada máis cortarse a cinta, centos de persoas percorrían os pasillos da instalación para contemplar e mercar, a prezos rebaixados, un amplo surtido de productos que van desde os complementos e agasallos á moda de home, muller e infantil, pasando pola decoración, deportes, mercerías, tendas de animais, fotografía e mesmo cantina para repoñer forzas.

Os ceos cubertos, e a poalla que chegou a regar a comarca a media tarde, libraron as praias e contribuíron ó éxito da primeira xornada dunha mostra na que se reparten 46 stands e que, ademais dos prezos propios de fin de temporada e liquidacións de stocks, ofrece outros atractivos para os visitantes, como son a posibilidade de pago con tarxeta de crédito a partir de 15 euros de compra ou de facer cambios de productos durante os días que dure a feira. E aínda hai outra vantaxe novedosa: actividades para os máis pequenos que se desenvolven pola mañá, de 12:00 a 14:00 horas, e pola tarde, de 18:30 a 21:30 horas.

A 3ª Feira de Oportunidades do Morrazo está organizada por Fecimo e conta coa colaboración da Deputación, Caixanova, Concello de Cangas e o Foro do Comercio Galego. Atenderá ata mañá en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 23:00.