A vila de Melide acolleu este fin de seman a 14ª edición do premio "O escritor na súa terra", organizado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega e que recaeu en Xosé Vázquez Pintor (1946). Ata alí desprazaronse numerosos amigos, colectivos e persoeiros culturais do Morrazo, a comarca de adopción do escritor.

- Que supón para vostede esta homenaxe que noutros anos recibiron Neira Vilas, Luz Pozo ou Manuel María?

- Pois ademais dun agradecemento eterno a estes compañeiros dos soños, unha volta aos meus primeiros anos como estudante da Academia Balmes de Melide e, xa de adulto, á actividade cultural dende esta terra do medio, acompañado de Domingo García Fuciños e doutros veciños. Aínda que eu vivía xa en Cangas, alimentábame de Melide.

- Unha tríada que aínda continúa e que se completa con Agolada.

- Sen dúbida. En Quián vivín dos 4 aos 9 anos, e despois fixen o Bacharelato por libre mentres probaba como xornalista radiofónica cunha sección no programa "La España que trabaja" de RNE, e que congregaba a moitos veciños diante do transistor entre as 11 e as 12 da mañá, para escoitar as crónicas "do fillo do xastre de Quián" sobre o mundo labrego. O programa dende Agolada durou tres anos e despois, xa como mestre no colexio de Santalla de Moar, en Frades, grabei unha reportaxe cos alumnos no ano 68. E hoxe sigo sendo da tribo de Agolada, por vía paterna.

- Entón, a anunciada reforma dos Pendellos foi outra das boas noticias deste ano.

- A mellora dese recinto foi unha das miñas teimas, e lembro que de neno Os Pendellos eran un lugar de encontro dos veciños, que se sentían orgullosos desta arquitectura. Este sentimento perdeuse un pouco entre as novas xeracións e creo que é preciso recuperar ese amor pola paisaxe e a paisanaxe de Agolada.

- Ademais de recibir a letra "E" da Asociación de Escritores, a partir de agora a biblioteca municipal levará o nome de Vázquez Pintor. Hai que achegarlle ao público as obras e os autores literarios actuais?

- A biblioteca ten que converterse nun lugar de encontro da palabra escrita, igual que a taberna tería que seguir sendo o da palabra.O problema da sociedade é que hoxe tén pouco tempo para ler, tanto autores clásicos coma contemporáneos. Non hai vagar nin para o lecer, e por riba aínda se asocian os libros aos textos que hai que memorizar na escola, e non se trata diso. Isto pasa sobre todo na adolescencia e na xuventude, que len libros impostos polos profesores en lugar de poder escoller eles. Por iso a literatura, sobre todo a feita en galego, ten que achegarse máis a este sector da poboación e escribir sobre cousas que lles afectan. No caso da infancia este problema xa está solventado, hai moi bos libros e moi ben ilustrados.

- Trala publicación de "Para dicir abril", baseada na integración social das lesbianas, cal é a súa próxima proposta?

- Pois titúlase "Máis vidas" e xira a un tema tan escabroso como a reencarnación. Tamén será publicado por Espiral Maior, a responsable de "Para dicir abril", e en realidade xa estaba lista para publicar antes desta. Despois da súa saída ao mercado, e cando eu teña asumido que sigo a ser ninguén no mundo das letras, teño pensado abordar outros temas.

- Ademais das novas obras narrativas, ¿haberá máis publicacións poéticas ou teatrais?

- Tentei facer unha escolma poética, pero resultoume moi difícil decidir qué fillos elixía e cáles desbotaba. En canto ao teatro, Edicións Fervenza, da Estrada, prevé publicar textos que escribira no 1991 para o grupo de teatro da terceira idade "A casa da bola", que eu fundara en Cangas. Hai que pensar que os galegos somos un pobo teatreiro e intérprete, sobre todo nas vilas e pobos da costa, e que aínda hoxe a xente da terceira idade segue marxinada nestas cuestións.

-A metáfora por excelencia de Xosé Vázquez Pintor, o buxo, non procede de Cangas, senón de Agolada. Por qué as súas coñecidas apertas de buxo?

- Pola súa versatilidade e firmeza. Na casa paterna de Quián había dúas árbores, unha figueira e un buxo. Desta árbore un veciño meu facía a vaixela e o xugo das vacas, e en Melide descubrín que o buxo tamén se empregaba para as gaitas. Pasado o tempo, cando recollía información para "Os vellos oficios", tamén aprendín que os afiadores de Ourense empregan chiflos desta madeira pola súa sonoridade, o mesmo motivo polo que é ademais a materia prima favorita das palilleiras de Camariñas.