A Mostra de Ensino Secundario do Morrazo xa está de novo en marcha. Onte ergeuse o telón teatral no IES As Barxas de Moaña, que este ano actúa como organizador, e foi precisamente o seu grupo de teatro o encargado de abrir a edición de 2008. A obra escollida foi "A historia máis friqui xamais contada", cun texto de Nerea Piñeiro e baixo a dirección de Vanesa Sotelo.

O evento ten xa máis dunha década e distínguese como unha importante canteira de actores e actrices. Este ano participan As Barxas e A Paralaia de Moaña; María Soliño, Rodeira e Eduardo Pondal de Cangas; Johán Carballeira de Bueu e o Salvador Moreno de Marín.

Despois do acto e función inaugural de onte, a Mostra continuará hoxe con dúas representacións. A primeira será ás 10.00 horas a cargo de Comediantes Anónimos, o grupo de teatro do IES Johán Carballeira de Bueu e que representarán "Ópera pánica", baseada nun texto de Alejandro Jodorowsky. Logo, as 12.00 horas, será o turno do Obradoiro de Teatro María Soliño de Cangas, que pondra en escena un texto de Cándido Paz: "Ó último roedor".

As representacións teatrais pararán durante a fin de semana e retomanse o luns con "Belicosario" e "Historias móviles", ambas do IES A Paralaia. Tamén actuará o Grupo de Teatro 2 do IES de Rodeira, con "Servicio de urxencias".