O Concello de Forcarei acollerá un dos tres grupos do plan de formación turística do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras de Pontevedra Norte que, como entidade xestora do Sistema Integral de Calidade Turística (Sicted), pretende preparar ao sector e aos seus profesionais para promover este territorio como destino de primeiro nivel.

Esta actividade, financiada ao abeiro dos fondos Leader Galicia 2014-2020, ten aberta xa a súa inscrición, que está orientada aos empresarios e traballadores do ramo que estean adheridos ou distinguidos no Destino Turístico das bisbarras. Os obxectivos deste plan formativo pasan pola profesionalización do sector, a contribución á creación dun destino de prestixio, a mellora da calidade na atención e o impulso dunha rede de establecementos cuns estándares mínimos.

Deste xeito, o grupo correspondete a Tabeirós-Terra de Montes terá como referencia da súa actividade o Centro Social de Forcarei. Será alí onde se impartirá a formación o xoves 24 de maio, de 17.00 a 19.00 horas (presentación, destino, sensibilización e Sicted); o xoves 7 de xuño de 16.30 a 19.30 horas (planificación, queixas e suxestións) e o xoves 14 de xuño de 16.30 a 19.30 horas (enquisas e obradoiros). Ademais, este grupo contará cunha cuarta sesión na Estrada o 31 de maio de 16.30 a 19.30 horas para abordar o manual de boas prácticas e a plataforma Sicted.