O Servizo Lúdico Educativo do Concello de Silleda volverá celebrar novamente o campamento de verán nas instalacións do colegio Ramón de Valenzuela, da Bandeira. Aínda que o prazo de solicitude extraordinario segue aberto ata o vindeiro 2 de maio, xa se cubriu o cupo mínimo de 25 participantes. No caso do campamento de verán de Silleda a inscripción xa está pechada e con todas as prazas cubertas.

Este ano os dous campamentos ofrecen a posibilidade de inscribirse por quincenas e incluso de escoller quenda de mañá ou de tarde. A concelleira de Educación, Pilar Peón, sinala que "vimos necesario ofertar esta opción, sempre en aras de favorecer a conciliación das familias e porque ata o de agora só se podía facer por mensualidade completa, aínda que a xente non precisara o servizo todos os días". Os campamentos de verán comezarán en xuño, ao día seguinte do remate do curso escolar, e continuarán ata setembro, ata a víspera do comezo do novo curso, para contribuir á conciliación das familias.