Di unha vella e case esquecida tradición que O Apalpador baixa dos montes as noites do 24 e do 31 de decembro para apalpar as barrigas dos cativos e ver se comeron ben durante o ano. Noutro tempo deixáballes un montón de castañas para se alimentaren, e poida que algún regaliño, amais de desexarlles que tivesen un ano novo cheo de ledicia e comida. O Apalpador que onte visitou terras dezás tivo un agasallo moi especial para os nenos que acudiron a velo en Lalín, Silleda ou Vila de Cruces: Un sobre cunha landra dentro e as instrucións para sementar un carballo. Non podía ser menos tratándose dunha personaxe tan vinculada á natureza. O agasallo forma parte do Nadal en Galego que promove a Deputación de Pontevedra.

En Lalín as actividades comezaron de mañanciña coa ludoteca e unha sesión de contos a cargo de Inacio Vilariño contra o mediodía na Biblioteca Municipal Varela Jácome. O Apalpador estivo ao mediodía na Praza da Igrexa de Lalín, onde coincidiu cos nenos do campamento do CEIP Xesús Golmar. Pola tarde, a carpa acolleu aos participantes no campamento de Nadal organizado polo Concello de Lalín, que rematou cunha festa anticipada de Aninovo. Hoxe, desde as 11:00, haberá xogos tradicionais, obradoiro de xoguetes articulados e, a partir das 17:00, maxia con Deimi. A película A crise carnívora pechará a xornada na biblioteca ás 18:30.

Nunha intensa xornada de traballo, O Apalpador desprazouse pola tarde á Casa da Xuventude de Silleda, onde tamén fixo as delicias dos máis pequenos. Estes celebraron unha festa infantil de fin de ano con cotillón, merenda e animación para todos. Pero non foron os únicos. Tamén os maiores de Trasdeza tiveron a súa Noitevella anticipada, cun ensaio no seu centro social ao son da música do dúo Punto Cero. Non faltaron pinchos nin as doce uvas.

Vila de Cruces foi onte a última parada do Apalpador na bisbarra. Xa era noite cando se presentou na localidade para facer gozar aos nenos coas súas historias. A actuación do Grupo de Baile e Gaitas Punteirolo na residencia, ás 18:00 horas, centra as actividades de hoxe.