| O grupo Chévere ofreceu na noite do pasado mércores no Teatro Principal da Estrada o espectáculo "As fillas bravas", unha obra en clave de humor feminista interpretada por tres mulleres que subiron ao escenario para tocar e cantar pezas, na súa maioría do repertorio tradicional galego. Con esta obra, a compañía continúa explotando as posibilidades dun teatro con perspectiva de xénero para sensibilizar á sociedade fronte á violencia machista e ás desigualdades entre homes e mulleres. Dan continuidade a traballos como "Testosterona", que reivindicaron as voces silenciadas dunha forza de traballo feminina que segue levantando imperios económicos na era da globalización, ou "Citizen". A dramaturxia e dirección corresponde a Xesús Ron e a escrita a Manuel Cortés. O Principal rexistrou unha boa entrada para asistir á actuación.