José Vence é, xunto a Manuel Salgado, o político en activo máis veterano de Rodeiro. A súa decisión de abandonar este ámbito xa era algo sabido no escenario político local, posto que tanto aos edis socialistas como algúns membros doutros partidos xa lles comunicara a súa intención de abrir a porta a novas caras.

-Leva, literalmente, media vida en política. ¿Cál é o balance desta etapa que vai pechar?

-Pois moi positivo, porque tanto na oposición coma no goberno estiven sempre con moita ilusión. Comezamos na oposición (en 1987) con Natalio García como líder e eu de número dous. Ibamos como independentes, pero non tiña sentido continuar así e xa no mandato seguinte presentamos candidatura socialista con Horacio Ferradás pai. Sacamos cinco edís, e mantivémolos durante 12 anos. Tamén é certo que este resultado era posible grazas a que daquelas non había candidatura do BNG. Con Manuel Lamazares Pardo como alcalde era máis difícil exercer a oposición que co seu sucesor, Eliseo Diéguez, porque Lamazares xa viña da época da dictadura e Diéguez tiña unha visión e un trato moi diferente.

-E en 2007 protagonizan o primero goberno de coalición da historia da democracia en Rodeiro.

-En Camba levábamos máis de 100 anos sen un executivo socialista. Penso que fixemos un bo goberno, quizais foron os catro anos de maior inversión en Rodeiro, nos que se melloraron moitísimas pistas e se aproveitaron ben os plans E. Foi un goberno moi transparente, ata o punto de que a xente sabía cándo discutiamos Manuel Salgado e eu. É máis, penso que as maiorías absolutas nunca son boas, porque ese tipo de gobernos tenden a pensar que a súa opinión e forma de ver as cousas é a única válida.

-Sen embargo, a alianza con Salgado rematou mal, e foi a segunda crise con el despois das primarias. E a decisión de darlle licencias ás granxas de Aboldrón xenerou desencontros con Manuel Hermida.

-É certo, pero había un compromiso por escrito no que se recollía o relevo da Alcaldía no ecuador do mandato, e incluso penso que o normal tería sido que gobernase o PSOE nos dous primeiros anos, xa que tiña catro edís frente a dous dos independentes. En canto ás primarias, puxemos en marcha unha fórmula novidosa que nos autorizou o partido, de xeito que poideron votar tanto os que tiñan carné do PSOE coma os que integraran a candidatura e os interventores das últimas dúas eleccións. O acordo era que o que non gañase fose de segundo, e Salgado non o cumpriu. Pero eu estou disposto que volva ao PSOE se quere encabezar a candidatura, gostaríame que acabase a súa vida política no meu, no noso partido. En canto a Hermida, o das granxas de Aboldrón é un exemplo moi claro da transparencia do noso goberno: buscábamos sempre a legalidade, por enriba dos intereses persoais que puidera ter calque membro do executivo. Hermida sabe dabondo que non houbo traición.

-Fala vostede da inversión en melloras viais. O actual alcalde, Luis López, bautizara ao goberno de coalición coma "o da zahorra".

-Daquela López non era consciente da realidade do Concello, e agora que é alcalde fai o mesmo ca nó, porque se dá conta de que non hai orzamento que cubra un aglomerado ou o asfaltado. É coma o refrán de "a poder de chover, hai que coller paraugas".

-O seu maior logro foi a aprobación do PXOM. ¿Qué outra herdanza lle quedou ao PP, cando recuperou a Alcaldía en 2011?

-Tres días antes de deixar de ser rexedor, fun aos tres bancos nos que tiña contas o Concello e certificáronme o diñeiro que había, case un millón de euros de remanente. Unha parte procedía da época de Eliseo Diéguez e outra era da nosa, uns 500.000 euros nos que se incluía o ingreso de Enerfín. A un concello pequeno sempre lle vén ben un remanente para non ter que recurrir a créditos cando tén que afrontar gastos correntes e aínda non ingresou por impostos. Agardo que Luis López non o gaste antes das eleccións de 2019 [risas].

Luis Lopez Diéguez | Alcalde de Rodeiro

"Vence nunca misturou a política con cuestións persoais"

Luis López entrou na política local en 2003, omo parte do goberno de Diéguez, no seguinte mandato pasou á oposición e, desde 2011, ocupa a Alcaldía. Sobre a marcha de Vence dentro de dous anos, apunta que "non son quén de opinar o que se fai noutros partidos políticos, pero que quede claro que, cando está na oposición política, Vence nunca misturou nin mistura a política con cuestións persoais, e iso non é habitual, o de manter o persoal á marxe. Como alcalde, fixo as cousas o mellor que puido". López lembra que, no relevo da Alcaldía en 2011, Rodeiro tiña varios exercicios económicos sen pechar ante o Tribunal do Cuentas, o que motivou que se lle retivera durante meses o diñeiro que lle correspondía. Pero tamén apunta que esta situación se deu o ano pasado, "cando podíamos ter a liquidación na plataforma dende o 30 de agosto, e non se subiu ata xaneiro".

Alberte Lazamares Casero n Voceiro do BNG

"Eu tamén creo na renovación política. Isto desgasta moito"

Lamazares xa coñecía a intención de Vence de sair da política activa. "Considero que son moitos anos xa, e tamén creo nunha renovación que eu tamén materializarei cando chegue o momento, porque unha renovación sempre xera moitas expectativas. A política pode degastar porque supón moito sacrificio, e invírtese diñeiro en política local". Lamazares accedeu á corporación de Rodeiro en xaneiro de 2013, como sustituto de Manuel Hermida, e liderou a lista do BNG nos comicios de 2015. Tén claro que o seu partido está aberto a "baixar o nivel de esixencias" se se dá a posibilidade dun novo goberno de coalición, coma o que houbera en 2009 cando Hermida se integrou no executivo dos catro edís socialistas e de Manuel García Deza. "Igual chegamos nós a liderar toda a esquerda se o PSOE non chega a presentar candidatura por falta de líder", aventura.

Manuel Salgado González n Voceiro de IdR

"Fixo un traballo inmenso tanto no executivo coma na oposición"

A Manuel Salgado tampouco lle colle por sorpresa o anuncio de Vence, con quen compartiu partido ata as primarias que decidirían o cabeza de lista de 2007, e que gañou éste. Pero Salgado deixa claro que "nunca me fun do PSOE", o partido ao que pertencía desde 1982, aínda que xa estivo na primeira corporación democrática baixo as siglas da Unidade Galega. Sobre a traxectoria política do seu compañeiro nas filas da actual oposición, sinala que Vence "sempre fixo todo o que puido, fixo un traballo inmenso tanto no goberno que compartimos coma na oposición e na cooperativa O Rodo". Laméntase de que algúns veciños "non saiban valorar o traballo que fixemos durante o mandato que compartimos as forzas de esquerda, un periodo no que soubemos aproveitar moi ben o goberno, tamén de coalición, da Xunta".