Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Fíxose a luz en Cerdedo

O municipio gozou do privilexio da enerxía eléctrica nos anos vinte da man de Secundino "Do Monte"

Non desacouguen, nada se moveu nin se moverá en Cerdedo, o morto está ben morto e enterrado. Non hai luz ao final do túnel. O titular só pretende o que pretenden todos os titulares, atraer a atención dos lectores. Conseguido o obxectivo, pásolles a relatar, ao meu xeito, a chegada da luz eléctrica a este recóndito territorio da bisbarra de Montes, transformado hai pouco en anódina parroquia de Cotobade.

O 21 de outubro de 1879, o prolífico inventor norteamericano Thomas Alva Edison presentoulle ao mundo unha lámpada incandescente de filamento de bambú carbonizado que brillou durante case dous días de xeito ininterrompido. En xaneiro do ano seguinte concederíaselle a patente deste revolucionario enxeño (nº 223.898). O de Edison non foi o primeiro prototipo en alumar (Davy, 1802; De la Rue, 1820; Goebel, 1854...), mais si, o primeiro que se estimou comercialmente viábel. Como consecuencia, as accións das compañías de iluminación por gas experimentaron unha imparábel depreciación. Tres décadas despois, as faíscas da Segunda Revolución Industrial escintilarían na longa noite de Cerdedo.

A cidade inglesa de Godalming converteuse en setembro de 1881 na primeira cidade europea en instalar a iluminación pública eléctrica. Un mes antes, a vila cántabra de Comillas tamén puxera en funcionamento este sistema (mais non público) nas súas rúas. Girona fai gala de ser a primeira capital do Estado en establecer unha rede primaria de iluminación pública (1886). Cara ao mes de xullo de 1888, dous anos despois, a iluminación eléctrica xa amenizaba as principais rúas de Pontevedra. A capital do Lérez gozou dos beneficios da nova enerxía, adiantándose, por exemplo, a Madrid. En Pontevedra, o promotor da electrificación foi Xosé Riestra e López, marqués de Riestra, empresario e político que, de 1879 a 1890, compatibilizou os seus negocios co cargo de deputado en Cortes polo distrito electoral da Estrada ao que, en 1895, se adscribiría Cerdedo.

A finais da década dos oitenta do pasado século, recén-estreada a maioría de idade, botei unha tempada vivindo de squatter na casa do Gheiteiro, en Abelaíndo. A casa dos meus avós paternos (Solla-Camiña), abandonada había moito e desposuída de case todas as comodidades do fogar moderno, ofrecíame a oportunidade de vivir en contacto íntimo coa natureza e, asemade, recuar no tempo, póndome na pel dos que habitaran o inmóbel, cando menos, até aquel novembro aciago do ano 33, cando un fanático da dereita local lle deu por atallar as diferenzas políticas prendéndolle lume á palleira mentres os moradores durmían no interior. Comezaba o chamado Bienio Negro da II República.

Xacando, redactei para Faro de Vigo (15-11-2010) un outro artigo no que daba razón da trasfega da extinción do pavoroso incendio e da reconstrución da casa petrucial que, hoxe, malia o absentismo e o pertinaz caruncho, segue en pé no Quinteiro de Acolá de Abelaíndo, á beira da estrada da Cavadosa.

A do Gheiteiro é unha fermosa e ben dotada casa labrega (cociña, forno, sobrado, faiado, cortes amplas, barra, alboio, eira empedrada e murada e canastro de tres claros). Moitos eran os atractivos do acubillo para un mozo na flor da xuventude: o balcón aberto cara á valiña fértil do río do Seixo, a tarda cociña de ferro, a parella de curuxas que aniñaba nas trabes da cuberta e que daban boa conta dos roedores, os intrépidos morcegos, o espazoso cuarto das huchas do gran e dos máis aveños. Aquelas arcas, conformadas no propio cuarto, soportan inalterábeis o seu confinamento, pois non collen polo van da porta. Nun recanto da mesma estancia instalouse a finais dos setenta, coma se fose real trono, a cunca do váter co desaugadoiro para a corte. Naquela sala ben caben dez cuartos de baño dos de agora ou dez cortexos reais. Porén, aquilo que satisfacía plenamente a miña arela de aventura era a ausencia de electricidade, o mergullo na continuidade neolítica que en Cerdedo (e non só) acadou a primeira metade do século XX.

Os meus avós Xosé Solla e Perfecta Camiña, sen desbotar os guizos, as candeas, os candís ou os farois de aceite, petróleo ou carburo, fixeron por conectarse, mediado o ano 1951, á rede eléctrica. Os fíos pelados correndo en paralelo, enrodelados a cada pouco en illadores de porcelana, converteron aquelas paredes nun museo da electricidade. Amoreados nas gabetas, achei a "póliza de abono para suministro de energía eléctrica", expedida pola Central Eléctrica de Soutelo de Montes (instalación de 7 lámpadas, cun consumo total de 140 watts) e mais un bo lote de recibos da luz. No correspondente ao mes de xullo de 1951, a factura ascendía a 10'92 pesetas.

Nunha nota ao pé de páxina do Inventario xeral da freguesía de Cerdedo do ano 2002, apuntei o seguinte: "Cerdedo disfrutou axiña (alá polos anos vinte) do privilexio da enerxía eléctrica grazas á man afortunada de Secundino "do Monte". Agraciado pola lotería, D. Secundino investiu o gañado na construción dunha minicentral hidroeléctrica -a Fábrica da luz- no leito do río Lérez. A enerxía eléctrica chegou aos demais lugares mediada a década dos corenta. Tivo por promotores ós irmáns Otero, cregos de Trasdomonte (Forcarei). Estes homes puxeron en explotación unha concesión da compañía eléctrica Fenosa. Os Otero enxeñaron unha xeitosa rede de transformadores e condutores: o transformador das Brañas, no monte de Lourido, que abastecía os lugares de Abelaíndo, Lourido, Biduído, Chamadoira, Limeres e San Bernabé; o transformador de Portocelos (Meilide) que servía os lugares de Carballás, Meilide, Barro, Arén, Cavenca e Revolta; e o transformador da ponte Valoutas que lles daba luz aos lugares de Cerdedo e Cernados. O lugar da Cavadosa recibía o fluxo de enerxía eléctrica por Caroi.

Aquel que quixese gozar dos beneficios da nova enerxía víase na obriga de comprar e chantar os paus de "baixa", erguer o pescante e introducir a cachimba na vivenda, colocar o contador, solventar a instalación interior e dispor a maiores de sete mil pesetas, que xa eran cartos, para facer achegar o tendido. As avarías na instalación íaas amañando o pobo. Se os fíos xuntaban por mor do vento, pendurábase dun deles unha corda amalloada previamente a un bo cachote, este "remendo" mantiña os cables arredados evitando que as inclemencias metereolóxicas os puxesen en contacto. O paulatino deterioro do tendido eléctrico foi transformando a claridade primeira nun muxico até que, xa recentemente, Fenosa botou man do servizo. Testemuño da rudimentaria enxeñaría xeradora é a expresión "¡Metéuselle unha troita na buxa!" (en alusión á precariedade da maquinaria) que se escoitaba cando o suministro faltaba ou cando se recibía fraco de potencia".

Compartir el artículo

stats