Manuel Daniel Varela Buxán (Lamas-A Estrada, 2 de marzo de 1909-Cercio-Lalín, 25 de setembro de 1986) foi o protagonista dunha homenaxe na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela pola conmemoración do trixésimo aniversario do seu pasamento. O dramaturgo estradense afincado en Cercio faleceu o 25 de setembro de 1986, pero o tributo organizado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria tivo lugar onte no monte Gaiás. Nel participaron veciños da parroquia lalinense e tamén da terra natal do autor, no municipio da Estrada.

O titular autonómico de Cultura, Román Rodríguez, presidiu a homenaxe ao seu paisano de Lalín na véspera, precisamente, da celebración do Día Mundial do Teatro. "Cando falamos de Varela Buxán, falamos do patriarca do teatro galego", subliñou o conselleiro, que lembrou a súa traxectoria tanto en Galicia como en Arxentina, onde foi un autor de enorme éxito e, probablemente, o máis popular do seu tempo na diáspora. De feito, a súa produción para a Compañía Gallega Maruja Villanueva é un dos momentos de maior vitalidade escénica galega en Bos Aires, de tal xeito que o consolidou como referente para os emigrantes. Rodríguez destacou o "papel clave" deste home "bo e brillante" no desenvolvemento do teatro galego do século XX.

Día das Letras Galegas

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, fixo ás veces de presentador nun tributo no que tamén interviron o escritor e mestre estradense Xosé Luna Sanmartín e o cronista lalinense Daniel González Alén. Ao igual que meses atrás diante a tumba do "amigo e mestre", os falantes aproveitaron a ocasión para reivindicar a dedicatoria dun Día das Letras Galegas a exaltar a vida e obra do "patriarca do teatro galego". No acto estiveron presentes, aínda que sen tomar a palabra, o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña,o senador e concelleiro José Crespo e mailo tenente de alcalde da Estrada e edil de Cultura, Juan Constenla, amais de familiares do homenaxeado e unha nutrida representación de veciños dos dous municipios. Dúas nenas do CEIP O Foxo interpretaron breves monólogos a partir da peza Salaios dun vello labrego, do propio Varela Buxán. A continuación, foron membros do grupo de baile e música tradicional da Carballeira de Cercio os que tomaron o escenario para representar pequenos anacos de obras do que fora o seu veciño, intercaladas con pezas de música e baile. O tributo, celebrado medio ano despois de cumprirse o trixésimo cabodano do autor, rematou cunha instantánea de familia nos exteriores da Cidade da Cultura.

Varela Buxán foi, por riba de todo, un dinamizador da vida cultural galega, especialmente en Deza e Tabeirós. Non en balde impulsou a construción en Cercio do primeiro local da escola feito pola Administración, así como a constitución da Asociación Cultural A Carballeira. Ademais, creou en Lalín a compañía de teatro Os Labregos, coa que representou diversas obras, e escribiu artigos e colaboracións en diversos diarios e revistas galegas. Deste xeito, o autor deu continuidade a unha paixón pola dramaturxia que iniciara nos seus anos mozos e que levara consigo a Bos Aires, onde formara en 1938 a Compañía de Arte Regional Gallego Aires da Terra -máis tarde rebautizada co nome de Maruja Villanueva-, coa que estreou tres anos despois no Teatro Mayo da capital bonaerense Os vellos non deben de namorarse, do seu amigo Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. A súa traxectoria valeulle ser obxecto de diferentes homenaxes, entre elas o nomeamento como Fillo Adoptivo de Lalín.